Con esta mobilización, a asemblea de desempregados/as de Ferrol quería amosar o rexeitamento á sentenza condenatoria que o xulgado impuxo a seis compañeiros/as que o pasado mes de xuño participaron nunha acción simbólica neste supermercado, consistente en retirar unha cesta de produtos de alimentación básicos presentando a tarxeta do paro, para logo entregalos á cociña económica.
Esta protesta, a través da que se buscaba chamar a atención sobre a difícil situación que atravesan as persoas sen emprego, especialmente aqueles/as parados/as chamados de longa duración, veuse frustrada pola policía que identificou aos participantes e requisou os produtos.
Posteriormente, o supermercado presentou denuncia contra seis dos/a integrantes da asemblea co resultado de que unha acción de carácter simbólico e reivindicativo “foi castigado de maneira desproporcionada (cunha multa de 835€ fronte aos 25.37€ dos produtos retirados) para evitar que se xeneralice este tipo de actos que só buscan crear consciencia social e a mobilización ante a actual situación.
Cambio nas políticas de emprego
Pola súa banda, membros da Asemblea de Desempregados/as da Coruña realizaron unha concentración ás portas da oficina do Inem de Monelos, onde repartiron follas informativas explicando as súas reivindicacións fronte ao medre imparábel das taxas de desemprego e a destrución acelerada dos nosos sectores produtivos, favorecida polas políticas levadas a cabo tanto dende o Goberno do PP na Xunta como no Goberno español.
Entre outras cuestións, a asemblea reivindica a derogación da reforma do paro imposta polo PP en xullo, estabelecemento dun salario de inserción social, investimento público produtivo que favoreza a creación de postos de traballo, plans de ampliación e mellora dos servizos públicos para crear emprego, unha nova política fiscal, medidas lexislativas para frear os desafiuzamentos, apoio ao tecido produtivo ou mellorar o poder adquisitivo dos salarios.