Os bombeiros concentráronse nas dependencias da Deputación o 9 de novembro reivindicando a readmisión do compañeiro que foi despedido e a nulidade das sancións impostas aos outros dous traballadores, un deles delegado de persoal. Finalmente foron desaloxados do edificio da Deputación pola policía española.
Pola súa banda, José Enrique Sotelo, presidente do Consorcio Provincial e deputado provincial do PP, negouse a falar cos bombeiros, limitándose a asegurar que este é “un problema laboral entre a empresa e os traballadores”. Os bombeiros recórdanlle a Sotelo que lea os estatutos do Consorcio, que exerza de presidente do mesmo e que non omita as responsabilidades do seu cargo.
Agardando pola xuntanza con Celta Prix
Os traballadores aínda continúan agardando manter unha reunión coa dirección de Celta Prix; xuntanza que a empresa se comprometera a convocar logo da mobilización do 22 de outubro diante da Deputación Provincial.
Mentres os bombeiros piden unha saída negociada a este conflito, a empresa expedientou o delegado de persoal cunha falta moi grave e perda de confianza que ocasiona unha sanción de suspensión de emprego e soldo durante 11 días. Tamén sufriu o mesmo castigo o irmán do traballador despedido.