Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 10/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Axencia de Protección de Datos sanciona a Correos cunha multa de 6.000 euros

O organismo estatal considera que a empresa filtrou datos de especial protección de centos de traballadores e traballadoras
Despois dun longo proceso iniciado en marzo do 2009 a instancia dunha denuncia presentada pola CIG, a Axencia Española de Protección de Datos atopou a Correos responsábel de filtrar datos de carácter persoal de centos dos seus traballadores a unha empresa totalmente allea. Por este motivo, a AEPD vén de sancionar cunha multa de 6.000 euros á empresa postal.
Carteiro de correos de reparto

A central sindical, explican dende CIG-Correos, viuse na obriga de presentar esta denuncia xa que a filtración contiña datos de carácter persoal dos traballadores e traballadoras, como o nome e apelidos, enderezo postal, documento de identidade, teléfono particular e incluso o número do móbil. “Todos estes datos nada tiñan que ver coa fin para o que esta empresa foi contratada”, aseveran. “Correos, unha vez máis, conculca o dereito dos/as traballadores/as facilitando datos que afectan a súa intimidade”.

Dende a CIG-Correos esíxese tamén ao Director de Zona que depure as responsabilidades a que deran lugar estes feitos “que este sindicato considera de extrema gravidade”, coa mesma celeridade que pon  “á hora de sancionar ao persoal por feitos que nin deberían ser obxecto de expedientes e que teñen por fin amedrentar os traballadores e traballadoras”.

cig.prensa@galizacig.com