Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 10/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG convoca unha concentración coincidindo co inicio da tramitación do ERE nas caixas galegas

A extinción de empregos afectará a máis de 1.200 persoas e suporá unha modificación substancial das condicións laborais
O vindeiro xoves 11 de novembro, Caixa Galicia e Caixanova citaron a todos os delegados e delegadas de ambas empresas para dar inicio ao proceso de tramitación do Expediente de Regulación de Emprego, que será de extinción para cando menos 1.235 persoas vía prexubilacións e, nun número non determinado, a través das baixas incentivadas. Ese mesmo día, a CIG-Banca ten convocada unha concentración de delegados e delegadas para protestar polos recortes no emprego e nas condicións laborais que suporá a aplicación do ERE.

O 11 de novembro foi a data elixida para comezar coa tramitación do ERE de extinción, pero tal e como viña denunciando a CIG tamén será a data da modificación substancial de condicións de traballo.

A día de hoxe, explican dende a CIG-Banca, coñécese que as Caixas pretenden prexubilar vía ERE ás persoas maiores de 55 anos, amortizando 900 postos de traballo fixos en Galiza, dun total de 1.200. A cobertura nalgún caso non chega ao 70% do salario actual. Os excedentes terían que abandonar a empresa de aquí ao final de 2012, polo que a maior preocupación do persoal é a falta de garantías ante as anunciadas reformas das pensións, do INEM ou da propia fiscalidade das indemnizacións dos ERE.

Así mesmo as caixas contemplan tamén baixas incentivadas, mais sen concreción nin limitación de número, polo que a cantidade de postos de traballo a destruír pode ser maior. Así mesmo contémplanse reducións de xornada e salarios ou excedencias.

Modificación das condicións de traballo

O ERE inclúe, así mesmo, unha modificación substancial das condicións de traballo, dando así cobertura a un número indeterminado de traslados, que podería superar claramente os 1.500, segundo estimacións da CIG. As Caixas anunciaron o peche de 300 oficinas, 200 na Galiza, ás que hai que engadir o peche de departamentos de servizos centrais.

Por outra banda, dentro do plan de integración a nova entidade venderá tamén 250 oficinas co seu persoal a outras entidades, sen concretar aínda a data e as condicións da venda.

Ante o inicio de tramitación do ERE, a CIG convocou unha concentración na porta do edificio onde terá lugar a reunión, co fin de amosar o rexeitamento a estas medidas, xa que “máis aló dos recortes no emprego e nas condicións laborais e da liquidación da capacidade produtiva da entidade, as cúpulas directivas continuarán mandando e incluso aprobaron recentemente unha suba salarial que vai dos 40.000 aos 120.000 euros ao ano”, denuncia a CIG-Banca.

A protesta desenvolverase diante da Aula de Cultura Caixa Galicia, na Carreira do Conde, en Santiago de Compostela, a partir das 10 da mañá.

cig.prensa@galizacig.com