Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Galiza solidarízase co pobo saharauí despois da represión de Marrocos

Centos de galegos e galegas participaron nas concentracións de apoio nas principais vilas e cidades
No dia de onte tiveron lugar en Galiza concentracións de apoio á loita dos e das saharauis pola súa autodeterminación e contra o brutal ataque ao campamento de protesta que até o día de onte se situaba nas aforas de El Aiún, arrasado polas tropas marroquís despois dunha brutal intervención armada que deixou, segundo as primeiras estimacións, 730 feridos/as, 19 mortes e mais de 150 desaparicións. 

A Confederación Intersindical Galega emitiu no día de onte un pronunciamento no cal se esixe por parte dos organismos internacionais unha actuación imediata que free a escalada represiva de Marrocos co pobo saharaui, así como a denuncia e condena das posicións tanto do Estado español como da Unión Europea , claramente aliñadas co país ocupante.

O campamento de Agdaym Iciq, nas aforas de El Aiún, agrupaba até o día de onte mais de 20.000 saharauis en 6.000 haimas. Despois da brutal acción do exército marroquí, coordenado con centos de colonos, ficou completamente arrasado e desaloxado, tendo os seus ocupantes que exercer a auto-defensa ou fuxir ás inmediacións perante a ameaza de detencións sumarias ou mesmo a morte. O dispositivo militar actuou en todo momento cunha violencia extrema, recorrendo a lanzamentos de gases lacrimóxenos, chorros de auga quente e mesmo ao fogo real de ametralladoras. Así mesmo, as forzas policiais impediron en todo momento o acceso de medios de comunicación internacionais para evitar a difusión de tan graves sucesos.

Segundo declaracións durante a concentración que tivo lugar en Vigo de Ahmedu Mojtar, representante da Fronte Polisaria na Galiza, "Marrocos non só tenta rematar cos focos de resistencia, senón dinamitar os esforzos nas Nacións Unidas para lograr unha solución á cuestión do Sahara " . Ademais, denunciou que "o Estado español segue a usar o conflito saharaui como moeda de cambio nas súas relacións com Marrocos", un país ocupante "que nunca tivo interés algún en cumprir os seus compromisos conqueridos na ONU".

Ao representante da Fronte Polisaria sumáronse as voces de representantes do Bloque Nacionalista Galego e mais da asociación "Solidariedade Galega co pobo Saharaui", convocantes do acto, que rexeitaron as accións de Marrocos e coincidiron na condena á posición do Estado español e mais da Unión Europea pola súa connivencia coa ocupación do Sahara, realizando ademais un chamado á sociedade galega a non permanecer calada fronte novas agresións.

cig.prensa@galizacig.com