O crecemento económico na década de 2000 beneficiou moito máis ás persoas que derivan as súas rendas da propiedade que as que derivan as súas rendas do traballo. E é que malia aumentar o número de persoas asalariadas un 32%, a súa participación na renda descendeu 1,3 puntos do PIB. En contraposición, o número de empresarios descendeu un 2,1% mentres que a participación das rendas empresarias e do capital medrou 3 puntos.
Segundo explicou Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, as desigualdades son aínda máis profundas, xa que dentro da masa de asalariadas/os existe unha grande polarización de ingresos. A propia Axencia Tributaria, a través da publicación “Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias” facilita a distribución das persoas asalariadas por tramos de salarios referentes ao SMI.
De aí tírase que apenas 6.400 asalariados/as en Galiza perciben conxuntamente case o mesmo que 280.000. Este grupo privilexiado ademais, contribúe moito menos que o resto ao mantemento do consumo público e concentra a fraude fiscal. “A escasa progresividade do noso imposto sobre a renda leva a que acheguen menos por esta vía que a maioría dos contribuíntes, co engadido de que as rendas procedentes do capital tributan a un tipo menor que mesmo o mínimo aplicábel ás rendas do traballo e aplican bonificación ou dedución ao investimento, como os plans de pensións, que só eles se poden permitir”, explicou Gromaz.
Estas desigualdades acentúanse no caso das mulleres e das persoas inmigrantes e moito máis aínda se se conxuga o feito de ser muller e inmigrante. As mulleres ingresan, de media un 26% de salario menos que os homes; os inmigrantes a metade da media salarial dos traballadores/as galegos/as e se se trata dunha muller inmigrante, a diferenza salarial “xa é alarmante”.
Estes datos fan referencia ao ano 2008 e foron os últimos publicados pola Axencia Tributaria. “Aínda non se comezara a destruír emprego ao ritmo dos anos seguintes e de ter os de 2009 as diferenzas serían aínda máis aterradoras”, alertou López Gromaz.
A responsábel do Gabinete de Economía salientou que no ano 2009 o que se mantivo e mesmo mellorou foi a situación dos máis privilexiados, manteñen os seus postos de traballo os que están en condicións salariais máis precarias e destruíuse emprego, fundamentalmente, entre os homes e destes precisamente os empregos dos traballadores con salarios medios, nomeadamente nos sectores de Construción e de Metal.
Fracaso de modelo
Para Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas da CIG, esta situación evidencia o fracaso do modelo capitalista neoliberal que, alertou, precisa que estas diferenzas se sigan afondando para manterse.
Para Oubiña, estes datos lapidarios deberían levar ás administracións a buscar mecanismos correctores que permitiran mudar esta situación porque, do contrario, “estase condenando á maioría social”. Porén, lonxe de pór en marcha políticas que permitan ir recortando a enorme brecha salarial existente, “afóndase aínda máis nela”, denunciou.
A este respecto, salientou que, malia ser a negociación colectiva un mecanismo fundamental para fixar unhas determinadas condicións salariais “o sistema, tanto co PP de Aznar como agora co PSOE, busca a forma de escapar da legalidade”. Como exemplo puxo o recurso á externalización de servizos, que permite a empresas públicas e privadas impor condicións laborais que non se axustan ás pactadas en convenio. Unha situación que tamén favorece a nova reforma laboral, ao deixar aos traballadores/as máis desprotexidos e nunha situación de debilidade fronte ás empresas.
“A negociación colectiva ten capacidade para ordenar, no marco das empresas, as condicións laborais, sempre e cando o traballador poida recorrer a mecanismos legais para denunciar a fraude. Coa reforma pode, efectivamente, recorrer a eses mecanismos pero non ten a garantía de non estar, ao día seguinte, na cola do INEM”, explicou.
Xustiza social
O secretario confederal de Finanzas afirmou que se houbera interese por favorecer unha situación de maior xustiza social, as propias administracións, tanto central como autonómica, poderían axudar a mudala.
Un dos mecanismos, explicou, sería controlar a fraude na contratación e a infracotización mediante a Inspección de Traballo. “Tanto a administración central como a Xunta de Galiza articulan coa Inspección campañas específicas, plans de actuación anuais sobre os aspectos a incidir, pero xustamente este non o ten”.
Oubiña considera que se a Inspección actuara de forma decidida neste aspecto ademais de aumentar os salarios incrementaríanse tamén os ingresos das propias administracións, porque as empresas estarían obrigadas a cotizar polo tempo real traballado e non polo que figura nos contratos.
Políticas de inmigración
Outro dos aspectos nos que se podería incidir é nas políticas de inmigración, que están transferidas á Xunta de Galiza e para as que ano tras ano se recortan os orzamentos. “É fundamental que se desenvolvan políticas que favorezan a súa integración social real, pero para desenvolver esas políticas hai que pór partidas orzamentarias e iso é precisamente o que a Xunta non fai”.
Diante desta situación, o secretario confederal de Finanzas conclúe que as medidas necesarias para favorecer a xustiza social non se poñen en marcha porque “o actual modelo socioeconómico só vai ter saída se aínda se afondan máis as desigualdades sociais e todas as políticas que se están impoñendo evidencian que o que se persegue é un cada vez maior empobrecemento da maioría social, da clase traballadora”. Por iso reiterou a necesidade de apostar por outro modelo económico que favoreza á maioría social.