Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 10/12/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración diante de Correos para esixir á empresa que respecte o dereito á saúde dos seus traballadores e traballadoras

O Comité e a Xunta de Persoal de A Coruña denuncian que o ente denega sistematicamente licencias por IT a persoal aínda enfermo
Persoal de Correos concentrouse na mañá deste venres diante da Oficina Principal en A Coruña para denunciar publicamente a actitude da empresa postal que denega de xeito sistemático licencias por Incapacidade Temporal aos traballadores e traballadoras, obrigando así aos/ás empregados/as que se atopan de baixa a reincorporarse nos seus postos, co grave risco que isto supón para a súa saúde. A concentración foi convocada pola Xunta de Persoal e polo Comité de Empresa de Correos na provincia de A Coruña.

O Presidente da Xunta de persoal, Miguel Ramudo, explicaba durante a concentración que Correos está a denegar sistematicamente licencias a aqueles/as  traballadores/as que están de baixa prolongada, obrigando dese xeito o persoal a acudir aos seus postos de traballo, en contra do criterio dos/as médicos/as de cabeceira e os informes dos/as especialistas.

Desta maneira, aclaran, moitos traballadores/as tiveron que reincorporarse no seu posto baixo a ameaza de caer nunha falta moi grave por ausencia inxustificada. Este persoal, subliña Ramudo, atópanse con problemas graves de columna, fibromialxia, hai casos de persoas con tumor cerebral, con procesos de recuperación que non lles permiten andar sen muletas, sen recuperar logo de tratamento contra cancro de peito e “un largo sen fin de procesos de enfermidades e accidentes que segundo o aval dos respectivos médicos/as de cabeceira e incluso dos informes dos/as especialistas non lles permiten desempeñar as funcións propias do seu posto de traballo, porque iso significaría un grave risco para a súa saúde”.

Dende a Xunta de Persoal e do Comité de Empresa apuntaron que con esta mobilización buscan trasladar o descontento e indignación que existe entre o persoal polo desinterese  que Correos manifesta diante deste problema tan grave. Así mesmo, a representación dos traballadores/as quixo deixar constancia que todas as cuestións que os delegados/as de prevención dos sindicatos están propoñendo no Comité Provincial de Seguridade e Saúde Laboral de Correos de A Coruña “cae en saco roto, pois a parte que representa a Correos non está facendo nada para corrixir esta situación, dándolle pulo dese xeito ás penosas actuacións da empresa que buscan a redución do absentismo por enriba da saúde dos seus traballadores e traballadoras, só na procura de máis beneficios. Non podemos permitir esta actitude de Correos porque vai en contra do dereito á saúde”.

Neste sentido, o Presidente da Xunta de Persoal adiantou que dende as organizacións sindicais e a representación legal dos traballadores/as estase trasladando ao colectivo de afectados/as a necesidade de esgotar todas as vías legais posíbeis contra os/as responsábeis directos desta situación.

Nova relacionada

cig.prensa@galizacig.com