A CIG fixo entrega esta mañá dun escrito dirixido ao presidente José Luis Rodríguez Zapatero no que se quere denunciar que desde o goberno, lonxe de adoptar medidas dirixidas a combater aquelas políticas que nos levaron á crise económica, estase a recorrer a reformar a Seguridade Social e o mercado laboral en contra dos intereses da clase traballadora, sen adoptar medidas que poñan freo aos verdadeiros culpábeis desta situación: o capital financeiro e a economía especulativa.
Así llo trasladaron o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e o Secretario Comarcal de A Coruña, Paulo Carril, no breve encontro que ambos mantiveron co Delegado do Goberno, Antón Louro, tras de rexistrar o escrito. Mentres isto ocorría no interior da Delegación, no exterior do edificio, un grupo de delegados e delegadas da central mantiña unha concentración reclamando a paralización dunha reforma laboral que vai supor un retroceso nas condicións de todos os traballadores e traballadoras.
Durante a entrevista, Seixo tamén amosou o malestar polo feito de que as propostas do Goberno, en materia laboral e social, se fagan chegar só as organizacións sindicais estatais, excluíndo ás outras dúas centrais que teñen a consideración de máis representativas no Estado español: CIG e ELA. Por iso, solicitou que, por respecto aos valores democráticos e a realidade plural do Estado Español, este tipo de conduta se modifique de cara o futuro.
Asemblea de delegados e delegadas
Previamente a concentración e a entrega do escrito, tivo lugar unha asemblea de delegados e delegadas no edificio sindical de A Coruña, na que se deron a coñecer as alternativas da CIG á crise e se explicou como vai afectar a reforma laboral, da seguridade social e da negociación colectiva ao conxunto da clase obreira.
Non obstante, o Secretario de Organización da CIG-Servizos, Xosé Lois Martín, tomou a palabra en primeiro lugar para explicar a situación na que se atopa o conflito nas instalacións deportivas e solicitar aos delegados/as a solidariedade con esta loita apoiando as mobilizacións que se leven a cabo, pero tamén como usuarios/as reclamando ás empresas a devolución das contías das cotas correspondentes aos días nos que as instalacións permaneceron pechadas. Neste senso, lembrou que os traballadores e traballadoras xa desenvolveron 11 días de folga intermitente, e que está é a décima xornada de folga indefinida.
Ausencia de medidas correctoras
Pola súa banda, na súa intervención Suso Seixo lembrou que foron o descontrol sobre o sector financeiro, o fomento da economía especulativa e o reparto desequilibrado da riqueza as principais causas que nos teñen levado a esta situación de crise, e non, como nos queren facer crer, a suposta rixidez do mercado laboral. “Estívose fomentando a contención salarial, provocando a caída da capacidade de consumo dos traballadores/as, mentres que os que tiñan capacidade de aforro meteron os cartos no sector financeiro en vez de reinvestilo no sector produtivo, que é o que crea riqueza”, criticou Seixo.
Mentres, o Goberno en lugar de levar adiante políticas para o control dos movementos especulativos de capital, promover a desaparición dos paraísos fiscais, encetar unha reforma do sistema fiscal para garantir a súa progresividade, incrementar os impostos sobre o capital e sobre as rendas máis altas e favorecer unha política de crecemento dos salarios; aposta por medidas que pasan por incrementar a idade de xubilación e facilitar o despedimento.
Metendo medo dende hai 50 anos
O Secretario Xeral da CIG lembrou que dende os anos 50 se está a cuestionar a supervivencia do sistema de pensións, e non obstante, non son non foi á quebra, senón que ten un superávit de preto de 70 mil millóns. “Incrementar a idade de xubilación até os 67 anos vai provocar que moitos/as traballadores/as non poidan chegar até esa idade e teñan que se xubilar antes, o que suporá desfrutar dunha pensión máis baixa”, advertiu.
A maiores, tense anunciado a posíbel ampliación até os 25 anos para calcular a base reguladora, polo que esta será menor e as contías das pensións baixarán. “Que pretenden provocar con isto? Pois que aqueles que teñan capacidade de aforro pasen aos sistemas privados de pensións”, afirmou Seixo. “O sistema público de pensións depende dos cotizantes e de canto se cotiza, polo tanto, o que hai é que xerar políticas de creación de emprego e consolidar uns salarios dignos”, aseverou.
Seguindo esta liña, denunciou a privatización dos servizos públicos básicos que o goberno da Xunta está a efectivizar, con especial atención ás tentativas de privatizar a sanidade tras do anuncio do modelo económico e de financiación que se vai seguir para os novos hospitais de Vigo e Pontevedra.
Negociación colectiva
Suso Seixo tamén criticou que se continúe incidindo na política de contención dos salarios. A este respecto cualificou de “vendida total e absoluta” a actitude mantida por CCOO e UGT, que veñen de asinar un acordo interconfederal, por tres anos, que suporá unha perda do poder adquisitivo dos salarios en favor dos intereses e do incremento dos beneficios por parte da patronal, sen garantía algunha de que ese sacrificio que van facer traballadores e traballadoras redunde en mellorar nin a calidade nin o número de empregos.
“Agora van tentar lavar a cara convocando mobilizacións contra o incremento da idade de xubilación. Cando saben perfectamente que esa medida non vai ir adiante, porque o Goberno estatal non está en condicións de sacar unha política que non conta co apoio de ningún partido e que lle suporía a convocatoria dunha folga xeral”, lamentou.
Seguindo nesta liña, criticou as intencións de ambas organizacións sindicais de ir a unha reforma da negociación colectiva, co obxecto último de limitar as negociacións a acordos estatais e de empresa e eliminar os convenios provinciais. “Na negociación colectiva CCOO e UGT só controlan unha parte, porque moitos dos acordos a nivel estatal que asinan non teñen aplicación a nivel autonómico, xa que se atopan de fronte coa oposición das demais centrais sindicais, tal é o caso da CIG, ELA, LAB...Queren negociarnos os convenios en Madrid para chanchullear todo o que queren e colarnos por aí a reforma laboral”, advertiu.
“Nós si cremos que hai que facer unha reforma laboral, pero para rematar coa precarización, para que se respecte o principio de causalidade, que non se xustifique ningún contrato temporal que non vai ligado realmente cunha actividade de carácter temporal, ten que ir encamiñada para que as regulacións temporais de emprego non conten como paro desfrutado, para que haxa indemnizacións importantes cando rematen os contratos temporais, etc. Hai reformas por facer, pero para mellorar a situación do mercado laboral, non para empeorala”, aseverou.
Campaña de mobilizacións
Este acto enmárcase dentro da campaña de mobilizacións iniciada polo CIG, co obxectivo de amosar a oposición da central sindical á reforma da Seguridade Social, á anunciada reforma laboral e o acordo estatal de negociación colectiva asinado entre CCOO, UGT e a patronal. Así, xa se celebraron asembleas de delegados e delegadas en Vigo e Pontevedra o pasado día 4 de febreiro, mentres que na xornada deste mércores se levaron a cabo asembleas e concentracións en A Coruña e Ourense, que terán continuidade o venres día 12 en Ferrol e Santiago e o próximo xoves 18 de febreiro en Lugo.
A este respecto, o Secretario Comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, indicou que este é o inicio de importantes mobilizacións e adiantou que a central vai levar a cabo concentracións e manifestacións os vindeiros 8 e 10 de Marzo, coincidindo co Día da Muller Traballadora e da Clase Obreira Galega. Neste senso, apuntou que a CIG fará fincapé no que está a ser a situación das mulleres traballadoras neste contexto de crise. Así, o día 8 do vindeiro mes está programada unha concentración diante da Confederación de Empresarios e da delegación da Xunta, onde se entregará un escrito denunciando e reclamando medidas contra a discriminación das mulleres, “vítimas especiais desta crise económica”.
De igual xeito, Carril chamou a todos os traballadores e traballadoras a desenvolver unha importante xornada de loita o vindeiro Día da Clase Obreira Galega.