Berros constantes na defensa dos postos de traballo e polo cumprimento do convenio provincial, sereas, chifres e moito ánimo foi o que transmitiu a concentración deste 10 de febreiro para as doce traballadoras e traballadores que levan desde que foran despedidos mobilizándose mañá e tarde diante do que fora o seu centro de traballo durante vinte e cinco anos.
Cordón policial
Ás once da mañá un grupo de cinco antidisturbios situábase ás portas do Alcampo de Coia, e poucos minutos máis chegaban un maior número de axentes para rodear esta concentración, a poucos centímetros das persoas que se estaban a manifestar. Como xa vén sendo habitual na comarca, e tamén neste conflito concreto, a presenza policial desmedida e intimidatoria volvia facerse visíbel, como xa viñan denunciando as centrais sindicais.
Tres conflitos no Alcampo
Poucos minutos antes da unha da tarde, Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos, agradeceu ás numerosas traballadoras e traballadores ali presentes a súa solidariedade coas compañeiras e compañeiros despedidos, e afirmou que "non é casualidade" que neste momento se estean a vivir no Alcampo de Coia tres conflitos: o dos tres despedimentos no Flunch, estes 12 despedimentos da limpeza e as mobilizacións contra os cambios de horarios impostos pola empresa.
A secretaria comarcal da CIG-Servizos engadiu que "Alcampo é unha empresa forte, que nos está botando un pulso, e que pretende tirar abaixo o concepto de subrogación que vén recollido no noso convenio provincial".
"Podemos ter máis despedidos no sector"
Ademais, informou de que os 19 novos contratados para realizar os traballos de limpeza van cobrar 633 euros, por pertencer a un centro especial de emprego, polo que supón unha clara discriminación salarial respecto ao anterior persoal, e co que Alcampo aforrará ao ano 90.000 euros, o que cualificou de "moi significativo", xa que "mañá podemos ter 300 despedidos daqueles sectores afectados polo concepto da subrogación na rúa, se se aplica a mesma técnica que neste centro".
Máis mobilizacións
As mobilizacións continuarán este sábado 13 de febreiro a partir das 18 da tarde, e o venres 19 ás 11 da mañá, diante do Alcampo de Coia.
Máis imaxes
Na sección multimedia podedes atopar unha galería fotográfica desta xornada, ou nesta ligazón.