A continuación reproducimos o comunicado emitido pola Sección Sindical:
Dende a Sección Sindical da CIG na AEAT queremos manifestar a nosa máis absoluta indignación e disconformidade coa distribución do complemento de produtividade na AEAT en xeral e, en concreto, na Delegación Especial de Galiza. O sistema de reparto da produtividade na Axencia Tributaria sempre foi arbitrario, caprichoso e inxusto, e polo tanto dende a CIG sempre avogamos por erradicar este sistema de incentivos, tan dado a prácticas de amiguismo e caciquismo nas Admón. Públicas, e incluír as cantidades económicas derivadas deste complemento variable nos complementos retributivos fixos, léase soldo, complemento de destino ou complemento específico; ou, como mal menor, acordar entre a parte social e a admón. uns criterios obxectivos que fixeran da produtividade o incentivo que recompensa o grao de interese, iniciativa, esforzo, especial rendemento e dedicación extraordinaria dos traballadores no desempeño da súa labor.
Se a CIG sempre se mostrou contraria a este reparto inxusto, é agora nestes tempos de crise cando as cantidades repartidas pola AEAT na Galiza adquiren en toda a súa extensión o calificativo de escandalosas. Se observamos as cantidades cobradas en concepto de produtividade pola elite da AEAT na nosa Delegación Especial, podemos chegar á conclusión do reparto vergoñento duns cartos que proceden dos impostos que pagan os cidadáns.
En efecto, dun presuposto en produtividade, para toda a AEAT, de 79 millóns de euros, unha gran parte van parar ás mans dos altos cargos e dos funcionarios do grupo A1. Na Galiza o funcionario que máis cobrou recibiu nada mais e nada menos que 30.799 euros no ano 2011 só por este concepto que supera, en moito, ás retribucións totais que cobran o resto do persoal dos grupos C1 e C2. Noutros moitos casos a produtividade anual desta “elite” ascende a 20, 18 e 12 mil euros cantidades que nós xulgamos exorbitantes e que poderían utilizarse para a contratación de novo persoal nestes tempos que estamos a ver como se desmantelan as pequenas Administracións da AEAT e no que as embarcacións de Vixilancia Aduaneira andan escasísimas de persoal.
Se sumamos que, ademais Galiza é un país no que abunda a economía somerxida, o fraude fiscal e o diñeiro negro procedente de actividades ilícitas como a trata de brancas e o narcotráfego o pago destes “pluses” resultan aínda máis vergonzosos. O resto dos traballadores, os dos grupos máis baixos, nos que realmente recae a carga de traballo, cobran cantidades irrisorias que nalgúns casos non superan os 50 euros mensuais.
Por todas estas cuestións a CIG, nunha xuntanza coa nova Directora da AEAT, demandou que se poña fin, dunha vez, a estas prácticas feudalistas de reparto da produtividade e se aborde, dunha vez por todas, a negociación necesaria para impedir que estas inxustizas se repitan no futuro.