Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/2/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Pymar adhírese ao convenio de Vulcano e evita deste xeito que o estaleiro vigués teña que ir á liquidación

A decisión adoptada polo consello do principal acredor contempla a quita do 80% da débeda
O consello da sociedade Pequeños y Medianos Astilleros en Reconversión (Pymar) decidiu por ampla maioría adherirse ao convenio de Vulcano, o que abre unha porta á supervivencia do estaleiro vigués, que evita deste xeito ter que ir á liquidación da empresa. O acordo contempla a quita do 80% da débeda do estaleiro con sede no barrio de Teis.

A decisión foi adoptada esta mañá en Madrid durante a xuntanza do consello de Pymar por 20 votos a favor, tres en contra e unha abstención. Cabe lembrar que o este mesmo luns remata o prazo para que o xuíz dite resolución sobre o concurso de Vulcano. O único xeito de evitar a liquidación da compañía era que máis da metade dos acredores se acollesen ao convenio, algo que se logrou co acordo de Pymar, acredor maioritario.

Dende a CIG-Metal indican que o seguinte paso é que o estaleiro consiga novos proxectos que lle permitan recuperar a carga de traballo e evitar que o seu peche puidese provocar un efecto dominó entre as demais instalacións da Ría de Vigo. “Para isto teñen que buscar unha alternativa ao tax lease ou contratar barcos sen este sistema de bonificación fiscal”, indican.

O acordo do consello de Pymar será abordada este venres pola noite na asemblea que o comité de empresa ten previsto realizar cos traballadores nas instalacións do estaleiro. Os afectados permanecen dende o xoves pechados na empresa en solidariedade co comité, que se desprazou até Madrid para coñecer de primeira man a decisión.

cig.prensa@galizacig.com