Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/3/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG, durante a súa intervención ao remate da mobilización de Compostela.
Concentración no exterior do Banco Santander.
O secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús A. López Pintos, diante da escultura en homenaxe a Amador e Daniel.
Pintos e o secretario de Organización da CIG de Ferrol, Fran Cartelle, depositaron a ofrenda floral.

Imaxe da manifestación de Ferrol, á que acudiron unhas 1.000 persoas.

Unhas 200 persoas concentráronse diante da oficina do BBVA dos Cantóns de A Coruña.
A manifestación parou diante dunha sede do Santander, no centro de Pontevedra, para denunciar o papel da banca na crise social e económica.
Ao chegar ás habituais escaleiras da Subdelegación do Goberno desde as que se len os comunicados finais das mobilizacións da CIG, habia un despregue inusual e desproprocionado de persoal antidisturbios, que impediu que se achegaran até esta zona.
As delegadas e delegados da CIG de Ourense ocuparon a sede central do Banco Santander da rúa do Paseo durante máis dunha hora.
Delegados e delegadas de Alcoa e as empresas auxiliares mantiveron unha asemblea-concentración diante da entrada ás instalacións da multinacional.

Asembleas, concentracións, e manifestacións pola defensa do emprego e as prestacións sociais en todo o país polo 10 de marzo

3.000 persoas en Vigo e 1.000 en Ferrol maniféstanse á tarde

“En defensa do emprego e as prestación sociais” foi o lema baixo o que a CIG desenvolveu este ano a campaña do Día da Clase Obreira Galega. Traballadores e traballadoras de todo o país, delegados e delegadas, participaron nas asembleas, concentracións e manifestacións organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo. Desta volta as reivindicacións céntranse en dous dos temas que máis preocupan á clase traballadora neste momento: a caída do emprego e a garantía das prestacións sociais. As cidades de Vigo e Ferrol foron as cidades que acolleron as dúas mobilizacións nacionais nesta data, e que xuntaron a 4.000 traballadores conxuntamente.

Neste día no que se lembra a figura de Amador e Daniel, os dous traballadores de Bazán asasinados pola policía española no ano 1972, o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, quixo destacar o especial significado desta loita no marco da actual crise do sistema. Seixo, participou nun dos primeiros actos do día: a concentración que a CIG de Compostela desenvolveu na Praza de Galiza. Durante a mobilización, na que participaron arredor de 400 persoas, tamén se levou a cabo a "ocupación" dunha oficina do Banco Santander. As persoas que ocuparon a entidade foron invitadas a desaloxar a oficina polos Corpos e Forzas de Seguridade, a pesar de non impedir o normal desenvolvemento da actividade no banco, e mesmo se lles obrigou a retirar os paos das bandeiras que portaban, por se considerar elementos perigosos.

Pola súa banda, Seixo, lembrou que dos desgraciados sucesos do 72 a clase traballadora galega tirou un proveito: afianzouse a loita pola defensa das liberdades e puxéronse as bases para o nacemento do sindicalismo nacionalista. "Neste momento de crise os traballadores e as traballadoras debemos aproveitar esta situación para crear conciencia de clase e reivindicar medidas de caracter estrutural de cara a conseguir un modelo socioeconómico novo, máis xusto e solidario", afirmou. O Secretario Xeral da CIG tamén se referiu á situación política co novo goberno do PP na Xunta, "pois non axudará en nada a hora de combater a crise". "Coñecemos de vello ás políticas do PP, de corte neoliberal, conservadoras, favorecedoras dun modelo especulativo, de privatización dos servizos públicos básicos, que promove políticas fiscais de reducción de impostos ás empresas pola vía de incrementar os impostos indirectos aos traballadores/as".  

Para Seixo vai resultar negativo a presenza dun goberno do PP, pois, apunta, non contribuirá a saída da crise en condicións favorábeis para a clase traballadora e o País, polo que insistiu en que a CIG "terá que facer un bo traballo sindical, cómpre organizarnos e desenvolver un traballo serio", sentenciou. Nesta liña tamén se expresou o Secretario Comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, quen quixo salientar a necesidade de crear un salario de inserción social, que garanta unha mínima cobertura aos/ás traballadores/as que están quedando ou van quedar en breve tempo sen prestacións sociais.  

Ofrenda Floral en Ferrol e manifestación 

A CIG de Ferrol comezou os actos do 10 de marzo cunha asemblea de delegados e delegadas na que se debateu sobre as medidas contra da crise e se analizou as consecuencias que está tendo na comarca. Tras da asemblea levouse a cabo a tradicional ofrenda floral ante o monumento á figura de Amador e Daniel. Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal, aproveitou a homenaxe para reiterar que a clase traballadora ten que "mentalizarse de que hai que estar na rúa e prepararnos para unha folga xeral". Neste senso sinalou que a CIG non pode convocar soa, pero "ten que ser quen arrastre ás outras organizacións sindicais a un paro xeral".  

Xa polo serán, unhas 1.000 persoas tomaron parte da mobilización que percorreu ás rúas ferroláns dende a Avenida do Esteiro até o Cantón. Pintos leu un comunicado ao remate da mesma na que denunciou á actitude das empresas "que baixo a coartada da crise están tentando abaratar o despedimento, desregular e flexibilizar a xornada, en definitiva recortar os dereitos da clase obreira". "Dende a CIG facemos un chamamento para exixir un cambio no sistema económico mundial", afirmou,  ao tempo que reclamou ampliar a cobertura nas prestacións sociais, a creación dun marco galego de relacións laborais ou a nacionalización de sectores estratéxicos, así como a creación dunha Banca Pública Galega.  

O Secretario da CIG de Ferrol tamén lembrou os resultados das pasadas eleccións e enviou unha mensaxe ao novo goberno do PP: "se aplican políticas neoliberais e atacan á nosa lingua, terannos enfronte".  

3.000 persoas en Vigo na manifestación á tarde

Pasadas as oito e cuarto da tarde saía desde Via Norte a manifestación convocada pola CIG de Vigo neste 10 de marzo. Despois da faixa de cabeceira da Executiva comarcal, común ás das outras zonas do país, despregábanse outras pancartas que facían referencia a algúns dos conflitos laborais abertos na comarca.

En primeiro lugar portaban unha faixa traballadores da Construción, pola súa campaña na defensa do cumprimento do convenio e nomeadamente da cuestión da xornada. A continuación, os traballadores de Xoane, unha fábrica de móbeis ameazada coa destrución e o despedimento do 40% dos seus empregados. Despois a CIG-Mocidade tamén participaba co lema "Autoorganización da mocidade para parar a crise", asi como a CIG-Saude, coa súa campaña contra a privatización da central de chamadas, e tamén as traballadoras do telemárketing, que demandaban "unha revisión salarial xa". Mención especial merecen os traballadores e traballadoras de Astrazéneca, que berraron en contra da deslocalización en todo o momento ao longo desta marcha e polo mantemento de emprego desta farmacéutica do Porriño, baixo a ameaza de peche, desde que esta multinacional anunciara que de non atopar quen a mercara, pecharía as súas portas. Nestes momentos están no período de consulta das ofertas que se presentaron para esta compra.

Foron 3.000 as persoas, segundo a central sindical nacionalista, as que acompañaron esta marcha. Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, realizou unha intervención final na Porta do Sol na que criticou á banca "porque a avaricia duns poucos, que defendían o libre mercado, levounos a unha crise financeira e produtiva".

Ademais Abraldes criticou ao goberno español xa que "non tomou medidas de maneira inmediata, e iso xerou que agora esteamos nunha crise estrutural e profunda, porque o que se tentou foi minimizar a situación". Tamén denunciou a actitude da patronal que "aproveitou a crise para facer limpeza e pasar do emprego estábel ao precario".

Por iso, Abraldes insisitiu en que "a mobilización é o único camiño, porque temos que sair ás rúas e esixir novas prestacións como o salario de inserción social, co que podamos vivir dignamente até que atopemos outro posto de traballo".. "Só coa mobilización acadaremos un cambio de modelo económico e social, o socialismo que defendemos, e poderemos ter unha vida digna", finalizou o secretario comarcal da CIG de Vigo. 

A Coruña, sangría na destrución de emprego  

Os actos do día na comarca de A Coruña iniciáronse tamén coa celebración dunha asemblea de delegados e delegadas nas que participaron arredor dunhas 150 persoas, que posteriormente se trasladaron até a sede central do BBVA na cidade, onde se concentraron durante media hora. A continuación continuaron a manifestación até a Delegación do Goberno.  

O secretario comarcal, Paulo Carril, vinculou a vixencia das reivindicacións de 1972 co actual momento de crise e lembrou que a clase obreira "tense que mobilizar contra a insuficiencia das medidas adoptadas polos gobernos contra a crise e a incapacidade para dar unha resposta axeitada", que deteña "a sangría do desemprego". Carril referiuse á importancia de levar adiante nunha loita para impedir que se incrementen as políticas neoliberais, en referencia ao futuro goberno da Xunta. Así mesmo, o secretario comarcal lembrou que na comarca están aumentando de seguido os EREs, caso de Martinsa-Fadesa, que pretende despedir a 70 empregados/as, Eurocen, que vai mandar á rúa a 450 persoas o vindeiro mes, ou LM Glasfiber, que pechou as súas portas a pasada semana.

Manifestación en Pontevedra de mañá

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu unha asemblea de delegadas e delegados da CIG, na que se trataron cuestións da negociación colectiva neste ano de crise, asi como do contexto de expedientes en distintas empresas na comarca. Rafa Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, subliñou que "esta crise non vai durar só este ano, senón tamén o próximo, polo que temos que ter moi claras estas previsións á hora da negociación colectiva, para non perdermos dereitos". Asi, engadiu que "o obxectivo da central sindical é loitar polo mantemento dos postos de traballo". Nesta asemblea tamén se lembrou a historia do 10 de marzo de 1972, e a loita que os compañeiros Amador e Daniel deron por un marco de relacións laborais propio, e para que non se decidiran as súas condicións laborais desde Madrid

Pouco despois das doce da mañá saía unha manifestación, na que participaron máis de 250 persoas, e que percorreu desde o Pazo da Cultura as principais rúas da cidade de Pontevedra. Berros como "contra o capital, loita sindical", foron constantes, asi como consignas contra a especulación bancaria e a pasividade do Goberno, "que se conforma".

Ao chegar a unha das principais oficinas do Banco Santander, xunto a Praza da Peregrina, realizouse unha concentración para denunciar o papel da banca, "porque están a endurecer as condicións e restrinxen os cretos, mentres os Gobernos lles inxectan liquidez".

Rafa Iglesias nunha intervención ás portas desta oficina bancaria sinalou que "a banca debería estar ao servizo da economia produtiva, e tería que estar controlada polas Administracións".

A manifestación continuou até o edificio da Subdelegación do Goberno nesta cidade. Normalmente, nas mobilizacións da CIG, situase a faixa de cabeceira nas escaleiras deste edificio, para facer a intervención final. Desta volta, unha presenza de antidisturbios esaxerada e con vontade claramente provocadora impediu o acceso a estas escaleiras.

A pouca distancia volviase dirixir o secretario comarcal da CIG de Pontevedra ás persoas que se concentraban fronte á Subdelegación para rematar esta marcha. Iglesias lembrou que "os tempos non mudaron tanto desde 1972, e temos que continuar a loitar para non perder os nosos dereitos e para vencer á dereita política e económica".

Ocupación dunha oficina bancaria durante máis dunha hora en Ourense

En Ourense tamén tiña lugar unha asemblea de delegadas e delegados, no local sindical desta cidade, na que se expuña a actual situación da comarca e na que se analizaron os datos xa apresentados o 9 de marzo na rolda de prensa sobre despedimentos e que dan conta da difícil situación que se está a vivir en sectores como o téxtil, as auxiliares da automoción e a construción. Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense, incidiu en que "non hai boas perspectivas e para os próximos meses podemos encontrarnos con moitas persoas sen protección social, e que se vexan en serias dificuldades".

Ás once e media estas 150 delegadas e delegados saían até a rúa do Paseo, cara a oficina principal do Banco Santander nesta céntrica rúa ourensá. Comezaba asi unha ocupación desta sede bancaria, que se prolongou durante máis de hora e media, e que "foi pacífica e simólica, e na que non tivemos ningún tipo de incidente", indica Blanco.

O secretario comarcal de Ourense explica que se realizou esta acción neste banco en concreto porque "o Santander foi o banco que tivo máis beneficios, máis de 9.000 millóns, o que supón todo un símbolo de prepotencia da banca, que aumenta beneficios, pero que non axuda aos sectores produtivos". Por último, Blanco defendeu a necesidade de "apostar pola banca pública"

Case 2.000 desepregados/as en Lugo sen prestacións 

Con datos arrepiantes debaixo do brazo, a CIG de Lugo organizou a mobilización comarcal diante da sede BBVA na cidade "para denunciar a política de estrangulamento do crédito que están a facer as entidades financeiras". O Secretario comarcal, Xosé Ferreiro asegurou que "non é de tolerábel que o goberno do estado colla os cartos traballadores e traballadoras e llos regalen á banca sen que esta cumpra coa súa parte".  

Ferreiro destacou en Lugo 5.200 persoas incrementaron a lista do paro dende setembro de 2008, dato xa de por si espectacular "que se fai aínda máis dramático se temos en conta que o incremento de persoas que percibe prestacións do INEM tan só se incrementou en 2.900". Destas cifras despréndese que "tan só nos últimos 5 meses, do total de persoas que se foron ao paro, 1.973 non teñen ningún tipo de prestación social nin ingreso algún", recalcou o secretario comarcal. Perante estes datos, Ferreiro insistiu en que resulta "imprescindíbel que ningún traballador ou traballadora quede sen cobertura neste momento. Hai que evitar os dramas humanos e as fracturas sociais e, ademais, a falta de cobertura afondará na caída do consumo e o aumento da desconfianza social".

O futuro dunha empresa estratéxica para A Mariña

"Alcoa é o motor económico da comarca". Con estas palabras explicaba o secretario da CIG de A Mariña, Xorxe Caldeiro, porque a central elixiu a fábrica de aluminio para desenvolver os actos do 10 de Marzo. Os delegados e delegadas de Alcoa, así como das empresas auxiliares participaron nunha asemblea-concentración diante das instalacións da empresa na que se abordou a situación actual e as posíbeis ameazas do futuro máis inmediato. "Por agora non tivemos problemas", sinala Xorxe Caldeiro, "pero a empresa ten problemas a nível global e xa comezaron a sonar os primeiros rumores de que tamén vai haber dificultades na planta de A Mariña".  

Os delegados e delegadas tamén repartiron o panfleto informativo da campaña do Día da Clase Obreira Galega e exemplares do Boletín Sindical entre os traballadores e traballadoras da fábrica, que nese intre estaban almorzando no comedor.  

Galería gráfica da xornada

Nesta ligazón, desde a galería gráfica da nosa web, podedes ver moitas máis imaxes desta xornada.

cig.prensa@galizacig.com