Durante a última xuntanza entre os representantes dos/as traballadores/as coa dirección de Leche Pascual, a través do Xefe de Recursos Humanos, aclarouse que a transmisión da factoría de Outeiro de Rei ten que realizarse coa mesma en funcionamento e, polo tanto, nas vindeiras semanas o persoal irase incorporando de xeito gradual aos seus postos.
Paralelamente, no encontro de presentación cos responsábeis de Alimentos Lácteos, estes confirmaron verbalmente a sinatura de 3 compromisos: un de aluguer por 11 anos, un acordo de maquila para Leche Pascual de 5 anos para o envasado de 12 millóns de litros ao ano, e por último, un compromiso para garantir durante 3 anos, no suposto de que non prospere esta iniciativa, as mesmas condicións económicas de saída que as ofertadas ó resto dos traballadores de Leche Pascual diante do E.R.E. presentado en maio de 2009.
Asemade transmitíronlle aos/ás traballadores/as que o traspaso a Alimentos Lácteos farase no intre en que a factoría se atope en estado de funcionamento (data orientativa do 1 de abril) e nese intre se lle facilitará documento individual a todos os/as traballadores/as polo cal se asume a sucesión de empresas, se lles garanten as condicións pactadas até o presente por Leche Pascual e a incorporación do actual cadro de persoal de 71 traballadores.
Ausencia de garantías
Non obstante, aclaran dende a FGMAT-CIG de Lugo, e mantidos estes encontros de presentación e boa vontade, nin Alimentos Lácteos nin Leche Pascual teñen aínda definido en que condicións se producirá a liquidación dos traballadores/as na actual empresa, nin se coñece formalmente baixo que condicións e articulado se atopan presentados os acordos referidos aos/ás traballadores/as (garantías para o suposto de peche, contratos asinados na transacción, etc.).
Dende a CIG de Lugo destacouse a importancia de comezar a dar pasos para a volta á normalidade na factoría, pola cal se comezan a incorporar os traballadores aos seus postos de traballo, “desexando sen dúbida a proxección e viabilidade deste proxecto mais, mentres non se pechen todas as cuestións pendentes sobre as condicións laborais, se formalice o pase á nova empresa do persoal e mentres non se garantan a totalidade dos postos de traballo existentes con anterioridade á presentación do E.R.E. de Leche Pascual haberá que permanecer atentos á evolución deste conflito”.
Neste senso, dende a FGAMT-CIG de Lugo lémbrase que até maio de 2009 esta factoría mantivo máis de 155 empregos directos e, por tanto segue a existir “un saldo moi negativo de postos de traballo perdidos”.