Diante da situación de incerteza pola venda da planta de Puleva, o martes 9 de marzo tivo lugar unha xuntanza entre os membros do comité de empresa de Puleva Food no centro de traballo de Nadela mailos representantes dos distintos sindicatos que actualmente ostentan a representación sindical nesta factoría. No referido encontro, que respondeu a ser un primeiro punto de encontro formal do propio Comité cos seus asesores, fíxose un primeiro intercambio de impresións sobre o que de xeito informal e por diversos medios de comunicación se difundía na xornada do luns: o principio de acordo de Puleva co grupo galo Lactalis.
Segundo informa Christian López, Secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, a pesar de producirse un intercambio de impresións, tamén se estableceron os principais pasos a dar nas seguintes xornadas. Así está previsto que o comité de empresa solicite con carácter urxente unha reunión coa dirección de Puleva para que á maior brevidade posíbel se poña en coñecemento dos/as traballadores/as en qué termos se vai a producir a suposta venda e cómo vai afectar esta nomeadamente ao persoal da factoría de Lugo.
Asemade, transmitirase á totalidade do cadro de persoal que, segundo se teña realizado este contacto coa dirección do actual grupo, se terá unha primeira asemblea de traballadores de Nadela, para así poñer en coñecemento as cuestións que poida manifestar a empresa e posíbeis medidas a tomar.
De xeito parello, tamén se acordou dirixirse ó Grupo Lactalis para que, segundo se vaian confirmando as novas, se propicie un encontro cos posíbeis compradores para coñecer intencións e proxecto de futuro na factoría de Nadela.
López criticou que a escasa información existente até o momento, que contribúe “á especulación e intranquilidade por parte dos traballadores e traballadoras afectados/as. Nestes momentos, e a expensas de escoitar ao propio cadro de persoal, na vindeira asemblea, temos que aventurar que esta operación presenta moitas dúbidas e determinados inconvenientes para a clase traballadora, toda vez que se afastan os centros de toma de decisións dos centros de traballo e, ao mesmo tempo se afastan as capacidades de interactuación e control que poidan exercer as distintas administracións públicas ou o que é o mesmo, un futuro sen garantías para os traballadores e traballadoras”, criticou.