Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 10/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Servizos de Ferrol reclama ao Concello que esixa responsabilidades ás empresas pola actuación durante a folga de deportes

A central amosa a desconformidade co informe municipal e demanda que se impoñan as sancións correspondentes
A CIG-Servizos de Ferrol vén de amosar a súa desconformidade co informe transmitido polo Concello a respecto da actuación das empresas concesionarias das instalacións deportivas durante o decurso da folga no sector, xa que a central entende que si existiu neglixencia e dolo por parte das compañías, polo que se solicitou que se esixan responsabilidades, que se produzan as correspondentes sancións, así como a readmisión da traballadora despedida durante o paro.

No escrito remitido pola CIG-Servizos ao Concello de Ferrol explícase que “consideramos que si hai dolo e neglixencia dende o momento que as empresas están coaccionando aos traballadores e traballadoras dicindo que “con folga non negocian”, cando se trata dun dereito fundamental , e ameazando mediante chamadas telefónicas dicíndolle ao persoal que se sabían o que estaban a facer por secundar a folga”.

Hai que lembrar que o Pleno do Concello de Ferrol acordou, a finais de decembro, esixir ás empresas  concesionarias das instalacións deportivas a indemnización correspondente polos servizos que deixaron de prestar durante o tempo que estiveron pechadas. Ademais, o Padroado de Deportes, xa en febreiro, acordou iniciar un expediente de rescisión de contratos ás empresas por “non negociar adecuadamente cos traballadores/as, no suposto de que o conflito non se solucionara axeitadamente”.

Non obstante, o informe remitido pola secretaría do Concello elude esixir calquera tipo de responsabilidade ás empresas concesionarias polas súas actuacións durante o tempo que durou a folga. Punto que Rocío Doce, da CIG-Servizos rexeita contundentemente ao entender que existiu “un proceder manifestamente ilegal e inconstitucional” por parte das empresa, condicionando a negociación e coaccionando aos traballadores/as en folga.

Así mesmo, dende a CIG-Servizos lamentouse tamén a actuación do Concello de Narón, quen ofreceu “moi boas palabras ao comezo desta folga, con bonitas notas de prensa, pero á hora da verdade nin sequera ten un informe por escrito do que poden facer como Concello e das actuacións a seguir para conseguir que se readmita ao compañeiro que foi despedido”.

Dende a Federación de Servizos agradeceuse novamente o esforzo dos traballadores e traballadoras durante os 36 días de folga continuada, así como o apoio dos usuarios e usuarias das instalacións e a colaboración e solidariedade da cidadanía durante todo este tempo: “non temos palabras para agradecérvolo”.

cig.prensa@galizacig.com