Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 10/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Queremos Galego comezará a recoller sinaturas para evidenciar o apoio social á iniciativa lexislativa popular rexeitada pola me

Estudará respostas xudiciais contra a resolución da Mesa do Parlamento
A comisión xestora de Queremos Galego vén de anunciar as medidas legais e sociais a adoptar logo de a Mesa do Parlamento ter rexeitado por maioría a admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada nos últimos meses desde a plataforma. Con esta proposición de lei por iniciativa popular pretendíase garantir plenamente a posibilidade de uso do galego das e dos cidadáns perante a administración galega, desenvolvendo o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e na Carta europea de linguas minorizadas.

Carlos Callón, portavoz da plataforma cidadá, lembrou que esta iniciativa se puxo en marcha a través dunha comisión promotora da que fan parte nomes senlleiros en diferentes ámbitos da vida social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois “O Carrabouxo” ou Sonia Lebedynski, entre outros.

Para Queremos Galego a non admisión a trámite desta ILP é unha mostra máis “do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso País, mesmo utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular para os seus fins”.

Vulneración dun dereito democrático

A plataforma cidadá lembra que o dereito á Iniciativa Lexislativa Popular é un dereito democrático básico recoñecido na Constitución española, “que vén de ser vulnerado”. A súa admisión a trámite non implica a súa aprobación, só marca o inicio dun período de recollida de sinaturas entre cidadás e cidadáns maiores idade e censados en Galiza. Tras completarse o mínimo necesario (15.000), con todos os requisitos recollidos pola lei, motiva o seu debate parlamentario. Para a plataforma cidadá “é a este debate ao que ten pánico o Partido Popular, xa que evidenciaría que detrás do seu discurso o que se agochan son claras intencións de acabar coa lingua galega”. E recorda que “iniciativas anteriores foron tramitadas, sen lles seren aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da súa aprobación final ou non”.

Queremos Galego anuncia que “non se dobregará ante esta manobra antidemocrática e autoritaria do Partido Popular”, que “aínda motiva máis” ás perto de 700 entidades que integran a plataforma a seguiren realizando accións  de defensa da nosa lingua.

Neste sentido, anunciou que iniciará un proceso de recollida de sinaturas “exactamente baixo as mesmas condicións que se faría coa ILP”, que serán presentadas no Parlamento galego a todos os grupos.

Para dotar de garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade en todo o proceso, constituirase unha comisión xurídica formada por profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a xustiza.

Na defensa dos dereitos lingüísticos e políticos

A plataforma cidadá chama ao pobo galego “a mobilizarse e non deixar pisar os seus dereitos lingüísticos e políticos”, duplamente vulnerados ao negárselle admisión a trámite parlamentar á iniciariva. Segundo Carlos Callón,  “o PP terá que escoitar, quixer ou non, a voz do pobo”. E lembrou que este “xa reaccionou exemplarmante á política lingüicida do actual goberno a través das manifestacións máis grandes da historia democrática en defensa da nosa lingua e cultura”. O tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística amosouse convencido de que  a sociedade “volverá mobilizarse por múltiplas vías” se fai falta e anunciou a presentación dun calendario de “intensas actividades ao longo e largo de todo o país”.

Desde este momento Queremos Galego comezará a estudar a interposición dun recurso de amparo ante os tribunais competentes contra a decisión da Mesa do Parlamento, “co fin de restaurar en Galiza a normalidade democrática que o PP teima en facer desaparecer”.

cig.prensa@galizacig.com