Os actos de conmemoración comezaron pola mañá na cidade de Ferrol, onde a Unión Comarcal desenvolveu unha asemblea de delegados e delegadas e posteriormente realizou a tradicional ofrenda floral que a CIG lle vén realizando a Amador e Daniel, no monumento "10 de Marzo".
O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na marcha de Ferrol, subliñou as similitudes existentes neste 10 de Marzo de 2011 co contexto que rodeou os acontecementos do ano 72: situación de crise, graves dificultades para a clase traballadora, importante perda de empregos, empresas en conflito, ameazas de peche de factorías, etc. “Aínda que daquela había un compoñente máis nas mobilizacións (a loita polas liberdades democráticas) o modelo económico non mudou. Volvemos estar nunha situación de profunda crise e atopámonos novamente con que as receitas para saír da mesma seguen pasando pola precarización e o recorte de dereitos da clase obreira”, aseverou.
Alén da resposta sindical e das mobilizacións concretas nas empresas na defensa do poder adquisitivo dos salarios e na mellora das condicións laborais, nos últimos tempos a central sindical ten levado adiante loitas máis amplas contra os ataques á maioría social. O Secretario Xeral da CIG referiuse ás dúas folgas xerais convocadas en Galiza, que, ao seu parecer, viñeron demostrar que existe un importante sector de traballadores e traballadoras que están dispostos a mobilizarse contra os recortes e o ataque tan duro contra as condicións de vida e de traballo que estamos a padecer.
A este respecto, Seixo censurou o posicionamento mantido por CCOO e UGT de “entreguismo, colaboración e aceptación do modelo capitalista neoliberal”, plasmado no “acordo social” subscrito co Goberno e a patronal española. Este pacto, sinalou, só aborda “aquelas propostas que lle interesan á oligarquía financeira, mais nada contén sobre medidas que poidan ser realmente efectivas para saír da crise económica”.
De feito, no pacto non se abordan cuestións que para a CIG resultan fundamentais como a reforma da política fiscal, orientada a crear unha fiscalidade verdadeiramente progresiva na que as rendas máis altas paguen maiores impostos e se recupere o gravame sobre o patrimonio; implementar medidas contra a fraude e a eliminación dos paraísos fiscais co obxecto de garantir ingresos ao estado; estabelecer unha banca pública e impedir que entidades como as caixas de aforro camiñen á privatización; ou incrementar o gasto social e os investimentos públicos de carácter produtivo.
“Toda esixencia ao capitalismo financeiro ficou relegado do acordo social e incluso a reforma laboral foi aceptada como punto de partida”, aseverou. Na súa opinión, “estamos ante un pacto social que supón desmobilización e desideoloxización da clase traballadora, xusto ao contrario do que se necesita nestes momentos”.
Seixo chamou a dar a batalla na defensa dos dereitos sociais e por unhas condicións dignas de traballo, así como a desenvolver alternativas que permitan encetar “un modelo de organización social, económica e xurídico-político favorábel aos intereses dos traballadores/as”.
Finalmente, o Secretario Xeral da CIG lembrou que entre os obxectivos estratéxicos da central nacionalista figuran a conquista do socialismo e a soberanía política de Galiza, “e eses deben de ser os modelos que orienten a nosa loita e as nosas alternativas neste contexto de crise”, rematou.
Manifestación en Vigo
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG de Vigo comezou a súa intervención aludindo ao activo movemento solidario que se estendeu por todo o país o mesmo 10 de marzo de 1972, día en que foron asasinados no Ferrol Amador Rei e Daniel Niebla, en cuxa memoria se celebra cada ano o Día da Clase Obreira Galega. “A resposta foi especialmente relevante na nosa bisbarra, onde se convocaron varias folgas contra a represión antiobreira”, indicou Serafín Otero.
Neste senso, lembrou que hai catro décadas a clase traballadora galega “xa sabía que a defensa dos seus dereitos e a conquista de novos non pasaba pola conciliación nin polo pacto” e denunciou o feito de que as clases dominantes estean a aproveitar a actual conxuntura de crise para resolvela no seu beneficio, “contando coa complicidade activa do Goberno español e da Xunta de Galiza”. Fronte a isto, fixo fincapé na necesidade de dar unha resposta na rúa, tal e como a CIG coas folgas do 29 de setembro e do 27 de xaneiro e coas numerosas mobilizacións convocadas.
Criticou con dureza o acordo social entre Goberno, patronal e sindicatos españois maioritarios porque supón un ataque directo ao sistema público de pensión e un intento por centralizar e burocratizar a negociación colectiva. Finalmente, reclamou a necesidade de sentar as bases dun novo sistema económico e social que supere o capitalismo e dar os primeiros pasos na construción do socialismo. “Esta tarefa é vital para todos e todas os que aspiramos a unha sociedade máis xusta, igualitaria e equitativa”, rematou.