No decurso da tarde aprobouse o relatorio de Negociación Colectiva e Acción Sindical con 153 votos a favor e ningunha abstención nin voto nulo. Tras rematar cos debates procedeuse á elección os novos organismos: Executiva Federal, representantes da federación no Consello Confederal e Secretario Nacional.
A nova Executiva Federal, que obtivo 154 votos a favor e 8 abstencións, queda composta por
Paulo Paio Rubido Bará
Adolfo Naya Fernández
Pedro Pérez Caride
Asunción Castiñeira Fernández
Tomás Gonzalo Vaamonde
Cristina Martínez Padín
Xosé María Figueroa Trigo
Elisa Ares Albor
Xosé Santiago Alvite Rueda
A candidatura cos representantes da federación para o Consello Confederal da CIG, que recibiu 159 votos a favor, 9 abstencións e ningún voto nulo, está composta por:
Paulo Paio Rubido Bará
Carlos Vázquez Castro
Xosé Santiago Alvite Rueda
Lois Soto Sabio
María do Tránsito Fernández Fernández
Adolfo Naya Fernández
Xacobe Rodríguez Vila
Asunción Castiñeira Fernández
Humildad Romero Álvarez
Cristina Martínez Padín
Antón Álvarez Meraio
Dolores Rodríguez Vázquez
Ana Casal Beltrán
Tras coñecer os resultados interviñeron os representantes das delegacións convidadas presentes, Igor Eizagirre, secretario xeral de ELA-Zerbitzuak, de Euskal Herria, e Antoni Alrarcón, secretario de organización da Federació de Serveis da Intersindical-CSC, dos Països Catalans. A CGTP-IN portuguesa remitiu un comunicado ao Congreso e o sindicato vasco LAB escusou a súa ausencia por problemas de axenda.
Propostas de resolución
Antes de intervir o reelixido secretario nacional aprobáronse numerosas propostas de resolución en apoio á Marcha Mundial das Mulleres; aos colectivos que loitan pola recuperación da Ría de Ferrol; á Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública; sobre o excarceramento do sindicalista vasco Rafa Díez; en defensa do galego fronte aos ataques da Xunta; en contra da dispersión dos presos políticos galegos e a favor da súa liberación; na defensa dos servizos públicos; en contra da explotación dos traballadores/as inmigrantes; sobre a inclusión das empregadas do fogar no Réxime Xeral da Seguridade Social; de apoio á Revolución cubana; a favor do dereito de autodeterminación da Galiza e do resto dos pobos en especial do palestino, saharauí, vasco e catalán; en contra dos alimentos transxénicos; en rexeitamento da homofobia e a favor do recoñecemento dos dereitos das traballadoras do sexo e que estas se organicen na CIG-Servizos.
Compromiso de continuidade
Na súa intervención, alén do chamamento a defender os dereitos da clase traballadora, o dereito de autodeterminación de Galiza e a nosa lingua, Paulo Rubido tamén proclamou o compromiso de continuar co traballo posto en marcha por persoas como Lois Soto, Carme Antas e Xosé Lois Martín Freire. Un traballo do que dixo que fixo posíbel que a federación de Servizos se consolidara e chegara até onde está agora.
Denuncia do sistema e compromiso de manter como base a acción sindical para avanzar na negociación colectiva
No relatorio de Negociación Colectiva e Acción Sindical, denunciáronse os millóns de empregos que se están a destruír, que afectan a miles de traballadores e traballadoras en Galiza e que aproveitando esta conxuntura as empresas están a impor despedimentos baratos dos traballadores/as con contratos fixos por medio de ERE. Do mesmo xeito, a CEOE reclama reformas e recortes de dereitos, do poder adquisitivo dos salarios, flexibilidade laboral, abaratamento dos despedimentos, incremento da xornada de traballo e recortes nas coberturas e nas prestacións.
Neste contexto, CIG-Servizos, gabouse de ter conseguido facer chegar as súas alternativas a unha maioría dos sectores máis precarizados e que se visualizase así un proxecto alternativo e atraínte, fronte ás proclamas populistas que se están a presentar como solución aos seus problemas.
Por iso, a federación asumiu neste Congreso manter o actual modelo, baseado na acción sindical para a resolución de conflitos laborais “despedimentos, sancións, modificacións horarias...”, creando con esta fórmula “conciencia de clase”. De aí que o V Congreso acordara afondar no asemblearismo, na creación de grupos de traballo, na solidariedade entre os diferentes sectores coa implicación dos afiliados e afiliadas.e en reforzar a unidade, clave para rematar coa precariedade laboral e acadar melloras laborais nos diferentes sectores que integran a federación.
Negociación Colectiva
Respecto da negociación colectiva salientouse que desde a federación tense activado un modelo participativo e asembleario que gaña cada vez máis confianza entre a clase traballadora, o que se evidencia no número de conflitos e xornadas de folga que se teñen rexistrado nos últimos anos e nos seus resultados: unha mellora das condicións laborais.
Por iso asúmese a negociación colectiva como unha prioridade e a participación, o compromiso e a corresponsabilidade como eixes centrais para alcanzar os obxectivos, sen ter medo ao conflito entendendo que este é o único medio para camiñar cara a mellora das condicións laborais.
Condicións laborais
O V Congreso reafirmouse no obxectivo de actualizar cada ano a porcentaxe de inflación sobre o salario medio de Galiza, o que proporciona unha cifra máis aproximada sobre a perda de poder de capacidade adquisitiva dos salarios, con independencia do nivel de renda, e nunca pactar incrementos sobre o IPC previsto.
Tamén se asumiu o compromiso de continuar reclamando reducións de xornada, traducíndoa en días de descanso e facer que se cumpran as xornadas pactadas nos convenios colectivos e apostar pola realización de xornadas continuas fronte á fórmula de dispoñibilidade.
Respecto da contratación apostouse por seguir introducindo nos convenios medidas contra a precariedade, como elevar a porcentaxe de fixos ou fixar indemnizacións nos contratos eventuais.
Alén de seguir promovendo a igualdade de oportunidades nas empresas onde haxa representación o V Congreso acordou demandar que se apliquen os plans de igualdade nas empresas e impulsar medidas dirixidas a evitar a discriminación, revisar que a linguaxe non sexa sexista, introducir medidas que melloren o reparto do tempo de traballo e aspectos relacionados coa conciliación da vida laboral e familiar.
Todo iso xunto co obxectivo prioritario de eliminar as diferenzas retributivas entre homes e mulleres, evitando que, a través de pluses, complementos ou outras fórmulas se produzan discriminacións retributivas.
Tamén se definiron criterios respecto das licencias e excedencias e se marcou o obxectivo de prestar especial atención ao papel das mutuas e a seguir reclamando, nos casos de IT por enfermidade ou accidente laboral, que as empresas complementen progresivamente até chegar ao 100% da base de cotización por continxencias comúns desde o 1º día.