Martínez explica que Correos foi pasando, tanto cos gobernos do PSOE como cos do PP de ser unha dirección xeral a unha sociedade pública empresarial, logo a organismo autónomo, despois a sociedade anónima e finalmente á SEPI.
CIG-Correos, que inicia con esta mobilización unha campaña de sensibilización social, advirte das consecuencias que a privatización tería, fundamentalmente, para o rural galego. “Sería o máis prexudicado do estado, porque Galiza ten máis do 50% dos núcleos de poboación e un hábitat disperso, que dificulta e encarece o reparto, restando rendibilidade”.
De feito, Correos ten un contrato co estado para que se lle compense economicamente a carga adicional que supón a prestación de servizo no rural. Deste xeito, é o estado quen garante o cumprimento da Lei Postal, que di que todos os cidadáns teñen dereito a recibir o correo no seu domicilio todos os días laborábeis da semana. Segundo Martínez, aínda que a Lei non se está cumprindo en toda a súa extensión estaría moito máis en risco caso de privatizaren o servizo.
Para CIG-Correos tamén están en risco as condicións laborais do persoal. Dunha parte, denuncia a discriminación existente nas condicións de traballo dos diferentes colectivos -funcionarios e laborais-, desde días de permiso, até vacacións.
Xunto a isto denuncian a situación na que se atopan os carteiros rurais, porque parte do servizo o subvencionan os carteiros do seu peto. “Nunca se lles sube o carburante, a última suba foi dun 0,05% por quilómetro, mentres que a gasolina incrementou o seu prezo espectacularmente. Ademais teñen que pór o seu coche particular e malia adicalo durante sete horas e media a correos -a maioría da vida útil do vehículo-, non teñen ningún tipo de beneficio fiscal, nin na compra nin no pagamento de impostos”, explica o responsábel nacional do sector.
Alén diso, alertan do risco de que se precaricen as condicións laborais. Serxio Martínez lembra que o propio presidente, na comisión de orzamentos, afirmou que se ían reducir o persoal en 2.000 empregados e que, ao tempo, se ía proceder á consolidación de emprego. “Isto, que pode parecer contraditorio, ten todo o sentido, porque botan a 2.000 e collen a outros, con traballos a tempo parcial ou fixos descontinuos, e poden contratar a máis traballadores pero máis precarios. Esa situación sería aínda máis traumática, se se privatizara”.