Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Máis de 2.000 traballadores/as e parados/as do naval percorren as rúas de Vigo coincidindo cun paro total nos estaleiros

A cidade acollerá este sábado unha manifestación para reclamar a implicación dos Gobernos español e galego na grave crise do sector
As rúas de Vigo volveron acoller hoxe as reivindicacións de milleiros de traballadores/as e parados/as do naval coincidindo co paro de media xornada convocado no sector. Para este sábado está prevista unha manifestación conxunta coa que se pretende a implicación da Xunta e do Goberno español na grave crise que atravesa unha industria fundamental para a economía da comarca e estratéxica no conxunto do país.

Arredor das 10.00 horas os operarios/as das zonas de Beiramar e Teis comezaron a abandonar os seus postos de traballo para concentrarse ás portas das empresas. Media hora despois iniciaban unha marcha cara ao centro da cidade para confluir no cruzamento de Colón, onde os agardaban centos e centos de parados/as do sector.

Dende alí, e tras varios minutos de espera, arrincaba unha marcha formada por máis de 2.000 persoas que remataba arredor das 12.30 horas fronte ao edificio da Xunta despois de percorrer as rúas Urzaiz, Lepanto e García Barbón.

Unha vez alí deu comezo unha asemblea na que analizaron a situación do sector e chamaron á cidadanía viguesa a participar na manifestación convocada para este sábado na cidade. “É o momento de dar unha resposta contundente na rúa para esixir a implicación dos Gobernos español e galego”, indicou o secretario nacional do Naval da CIG. César Rodríguez lembrou o sucedido nos anos 80 cando “intentaron liquidar o sector” e só mediante a mobilización fomos quen de salvalo”.

Neste senso, apostou por darlle continuidade ás protestas máis alá do sábado e reclamou a participación “de todos os compañeiros e as compañeiros que se atopan na casa”. Rematada a intervención dos representantes sindicais da CIG, CCOO e UGT os traballadores/as regresaron en manifestación polo centro da cidade ás súas empresas.

cig.prensa@galizacig.com