Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, na súa intervención final na Praza da Estrela.

A manifestación solidaria coa loita do Metal percorre o centro de Vigo baixo unha intensa chuvia

Secundaron esta marcha máis de 4.000 persoas
Malia á intensa chuvia que descargou toda a tarde en Vigo, desde as oito da tarde, e até unha hora despois que chegou a manifestación á Praza da Estrela, escoitouse de novo un berro unánime polo centro da cidade e foi o de “Metal solución”. Asi, esta marcha, que comezaba no cruce de Gran Vía con Urzáiz, conseguía xuntar a traballadores e traballadoras do sector do Metal, asi como familiares e persoas solidarias, nunha mobilización no que máis de 4.000 persoas non se encollían por moita auga que caera. O mércores terá lugar unha nova xornada de negociación desde a mañá, e a partir do xoves hai folga convocada nas empresas afectadas pola negociación do Convenio Provincial, que o venres pasará a ser xeral e afectará mesmo a aquelas empresas con convenio propio.

Nun novo dia de negociacións, no que non houbo avanzos reais, tiña lugar a manifestación de apoio e solidariedade coa loita do Metal, convocada por CIG, CCOO e UGT. Despois dunha xornada na que se aprazou o comezo da folga indefinida para o xoves, nun xesto de boa vontade para a negociación desde as centrais sindicais, parecera que até os elementos xogaban en contra dos traballadores e traballadoras do Metal, xa que desde o mediodia non parou de chover na comarca de Vigo.

Mostras de solidariedade

Asi, desde antes das oito comezaban a concentrarse no cruce de Gran Via con Urzáiz traballadores e traballadoras do Metal, acompañados de amigos e amigas, familiares, e tamén outras persoas solidarias, que se achegaban a esta marcha para amosar o seu apoio a estes compañeiros e compañeiras, que xa levan seis xornadas de folga pola negociación dun convenio colectivo xusto e digno.

"Metal solución"

"Somos traballadores e non delincuentes" ou "Metal solución" foron algúns dos berros máis escoitados, nesta manifestación que percorreu a un ritmo rápido, xa que case non parou de chover en todo o traxecto.

Intervencións finais na Praza da Estrela

Ao chegar á Praza da Estrela, interviron os tres secretarios comarcais de CIG, CCOO e UGT, para pechar esta mobilización.

Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, preguntouse quen está a ser o irresponsábel neste conflito e engadiu: "é irresponsábel aquel que ten a cara de sair na prensa dicindo que ten perdas de non sei cantos millóns e ao mesmo tempo non se dar conta de que coa décima parte desas perdas tiña solucionado este convenio e garantido a suba salarial dos traballadores e traballadoras do Metal durante sete anos".

Contra a criminalización dos traballadores

O secretario comarcal da CIG de Vigo criticou a continua criminalización dos traballadores e traballadoras do sector do Metal e subliñou que "están na rúa defendendo un dereito que é o dereito á negociación colectiva, e deféndeno exercendo o seu dereito á folga e o seu dereito á manifestación, e eses son dereitos dos traballadores e das traballadoras do Metal e de todos e cada un dos cidadáns e cidadás deste pais". Abraldes insistiu en que "non somos delincuentes, somos cidadáns e cidadás, clase traballadora que estamos defendendo os nosos dereitos a pé de rúa".

Abraldes denunciou o papel que está a xogar a Subdelegación do Goberno e as forzas policiais neste conflito e dixo que "nesta provincia estamos fartos das actuacións dos corpos policiais e que se lles consista facer de todo".

Asi, lembrou que o mércores 10 de xuño terá lugar un xuízo de dous compañeiros do Metal pola folga do Naval polo cumprimento do convenio do 2007 e que terá lugar no xulgado nº1 do Penal de Vigo ás dez da mañá.

Solicitan demisión xa do Subdelegado do Goberno

Criticou ademais que o Subdelegado do Goberno estea a aprobar todas as cargas e actuacións desproporcionadas que está a haber na cidade, e Abraldes indicou que "nós non somos os irresponsábeis, senón que eses serán os policias que están a cargar sen ter porque, pero especialmente responsábel é a persoa que deixa manter estes comportamentos e que o avala na prensa, e por iso, desde a CIG solicitamos a demisión do Subdelegado do Goberno xa".

Por último Xerardo Abraldes informaba á cidadania que "desde a CEOE se está a poñer como tope salarial do 2%, e nós entendemos que se se quere sair da crise temos que superar ese tope para que os traballadores e traballadoras recuperen poder adquisitivo, polo tanto rebentar eses topes salariais son a nosa primeira medida e o noso primeiro obxectivo, e o convenio do Metal vai ser o primeiro sector onde se faga". Abraldes concluiu dicindo que "sabedes que contades co apoio da Unión Comarcal, asi que adiante, unidade e loita!".

Máis negociacións e o xoves folga

O mércores 10 de xuño está convocada unha nova xornada de negociacións da Patronal, que comezará ás doce da mañá coa presenza dos mediadores e da Comisión Negociadora por parte das centrais sindicais. O xoves está convocada folga, con carácter indefinido, e que o venres afectará a aquelas empresas con convenio propio, xa que será unha folga xeral para todo o sector.

cig.prensa@galizacig.com