Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 10/6/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Ensino levántase da mesa sectorial contra a reconversión dos centros educativos para suprimir profesorado e recortar unidade

Arredor de 300 profesores/as e alumnado concentráronse ás portas da consellaría demandando a retirada do decreto
Representantes da CIG-Ensino, profesores/as e alumnos de diversos centros integrados de FP, concentrábanse esta mañá fronte a consellaría de Educación, en San Caetano, coincidindo coa xuntanza da mesa Sectorial na que se debatía, como primeiro punto, o “Proxecto de Decreto polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional, se fusionan centros educativos e se cambian ensinanzas”.

Na mesa sectorial, a CIG-Ensino manifestou a súa oposición á “imposición” dun decreto que supón a supresión de 73 unidades da ESO e do Bacharelato, de 198 profesores/as e a desaparición de máis de 1.531 postos escolares públicos. Xunto a iso, exixiu a retirada do proxecto de decreto de conversión dos IES en centros integrados e, unha vez que o Director Xeral, Mira Lema, se mostrou absolutamente contrario a retiralo, levantaouse da Mesa.

“Estamos ante unha proposta que supón deteriorar o ensino público, favorecendo ao ensino privado concertado, porque nas cidades serán estes os centros receptores do alumnado. É unha proposta de reconversión, un ERE encuberto no ensino público, que se pretende aplicar xa para o vindeiro curso”. Así resumía o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, os obxectivos que se agochan tras deste proxecto de decreto que pretende aprobar a consellaría de Educación.

Fronte a isto, a CIG-Ensino propuxo, na mesa sectorial, a retirada deste proxecto e a apertura dun debate amplo, contando con toda a información necesaria para avaliar o seu impacto e tratando de chegar ao máximo consenso entre toda a comunidade afectada. “A partir de aí, se hai que reordenar a FP e as ensinanzas de secundaria, que se faga. Ao que non estamos dispostos, porque é impresentábel e inasumíbel, é a que impere como pauta de actuación o desprezo, a desconsideración ao profesorado e ao conxunto da cidadanía e con eses máis de 1.500 alumnos e alumnas que tiñan previsto continuar os seus estudos no centro no que comezaron e non o van poder facer”.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou tamén que os 198 profesores e profesoras afectados que tiñan eses centros como destino definitivo, non puideron participar no recente concurso de traslados porque non sabían que se ía suprimir o seu posto de traballo e que agora quedan sen el. Do mesmo xeito criticou a destrución das 73 unidades previstas que o ensino público estaba ofertando nas cidades e que van pasar para o ensino privado-concertado.

“Ante esta situación propuxemos, que ou ben retiraban ese proxecto, abrindo ese debate para o curso 2011-2012 ou, senón retirariámonos da mesa sectorial, como así fixemos, porque non estamos ante un caso illado senón ante un comportamento sistemático desta consellaría de Educación”, asegurou Louzao, quen engadiu que á consellaría non lle importa a opinión da comunidade escolar, e si pór en práctica o que definiu como “un ataque ao ensino público postobrigatorio sen precedentes, fundamentalmente nas cidades, que é onde ten o seu negocio o privado concertado”.

A CIG-Ensino lamenta que, máis unha vez, CCOO e ANPE non estiveran dispostos a levantarse da Mesa Sectorial, seguindo a tratar os outros puntos da orde do día como se nada pasase. Esa actitude, contraria á que adoptaron as organizacións sindicais  que representan preto do 70% do profesorado, supón un balón de oxíxeno para a propia Consellaría.

O contido do decreto

 

Que consecuencias vai ter este decreto?

Transformar sete centros de Secundaria en Centros Integrados de FP significa (anexamos un cadro cos datos xa contrastados centro a centro pola CIG-Ensino):

Ø Eliminar 1.531 postos escolares no ensino público (que superan os 2.000 se temos en conta as prematrículas realizadas nos centros por novo alumnado), desprazando con carácter forzoso a outros tantos alumnos e alumnas que se terán que escolarizar en centros máis afastados do seu domicilio e provocando a masificación nas aulas dos centros receptores. Evidentemente esta perda de unidades públicas só favorece ao ensino concertado. En concreto trátase da supresión de 988 postos de ESO, ensino obrigatorio, e 543 de Bacharelato.

Ø Eliminar 198 postos de traballo docentes. Serán 15 mestres/as e 183 profesores/as de Ensino Secundario os que queden suprimidos tendo que recolocarse noutros centros próximos. A supresión dos postos de traballo é real, pois son postos que nos centros receptores non poderán ser ocupados por outro profesorado ao ter que ser recolocado o profesorado suprimido.

En conclusión: supresión de postos de traballo, redución de oferta educativa, potenciación do ensino concertado nas cidades, agresión á calidade do ensino público, masificación das aulas, etc.

Cal é a actitude da Consellaría?

A Consellaría de Educación co Conselleiro e o Director Xeral de Formación Profesional á fronte, mente ante os medios de comunicación vendendo este proxecto de Decreto como creación de postos escolares en ciclos formativos. Mais nin sequera na FP os datos son reais, fundamentalmente porque a data de hoxe se descoñece cal vai ser a oferta de FP o vindeiro curso e a CIG-Ensino xa tivo acceso a informacións oficiosas que sinalan a supresión da oferta de polo menos sete ciclos formativos en varios centros.

“Unha vez máis a Consellaría mercadea, vende de cara á galería cousas que non son certas e oculta intencionadamente as supresións e eliminacións de postos escolares antes sinaladas ou a desaparición de dous centros recollida no propio borrador (CIFP de Fene e IES O Ribeiro)”, afirman desde a CIG-Ensino.

Ao tempo, denuncian a actitude “despótica, autoritaria, escurantista e de desprezo ao profesorado e mesmo a toda a comunidade educativa, negando a información até que a fai pública na prensa” da consellaría. Á CIG-Ensino cónstalle que os centros afectados pola eliminación das ensinanzas ou pola recepción do alumando e o profesorado non tiñan toda a información necesaria. Por outro lado a CIG-Ensino puido comprobar nas asembleas realizadas un rexeitamento total a esta medida.

Documentos
NON AOS RECORTES CENTROS INTEGRADOS.pdf
cig.prensa@galizacig.com