A manifestación, convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), contou co apoio da Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, na que están integradas ADEGA, a CIG, FRUGA e a propia ORGACCMM.
Desde a CIG denunciouse que o PP renuncia definitivamente á colectivización da riqueza dos nosos montes, e á súa diversificación agrícola, gandeira, alimentaria, forestal e cultural, para apostar pola entrega dos mesmos aos grandes grupos da industria madeireira e enerxética. Ou sexa, polo produtivismo fronte á multifuncionalidade.
De permitir que esta Lei sexa aprobada, a central sindical considera que “sobran dúas décadas para que o noso entorno natural, tal e como o concibimos e percibimos na actualidade, sexa absolutamente irrecoñecíbel”. De feito, o proxecto que pretende aprobar o goberno do PP facilita a forestación de terras agrarias, o que supón reducir a superficie agraria útil e multiplicar as especies invasoras de crecemento rápido que reporten beneficios a curto prazo.
Pola súa banda, a Organización Galega de Comunidades de Montes denunciou que se trata dun proxecto de lei que desnaturaliza a figura do monte veciñal, non realza a natureza xermánica que lle é propia, e mesmo instaura procedementos para a súa apropiación encuberta e a reversión en mans privadas.
Xunto a isto alertaron de que rebaixa e desvirtúa a lexislación galega en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, polo case abandono dos traballos de limpeza, pola redución de persoal nas brigadas, o desmantelamento das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais, a minimización das distancias de seguridade, a planificación forestal extensiva e o fomento dos cultivos enerxéticos. “Unha cadea que nos condena a convivir co lume á porta das nosas aldeas e da nosa casa”.
Fronte a isto, defenderon a diversificación dos usos e beneficios dos montes con actividade agrícola e gandeira; produción forestal e pequenas explotacións da industria alimentar e lembraron que o monte representa os dous terzos da superficie total de Galicia e que acabar con isto é tamén acabar co noso país.
Por unha verdadeira Lei de Montes de Galiza
No canto deste modelo que pretende instaurar o PP, con esta mobilización reclamábase unha “Lei de Montes de Galiza” na que se recoñezan os montes veciñais como titularidade comunitaria e que non se usurpe a súa xestión para entregarlla ás empresas privadas.
Exixíuse a protección dos montes galegos fronte aos intereses especulativos e urbanísticos e que se permita a existencia de axudas; que a través da propia lei se impida: a privatización da loita contra os lumes forestais, a derrogación da lei de prevención e defensa contra os incendios forestais e a forestación de terras agrarias.
Considérase imprescindíbel, ademais, que se articulen os mecanismos necesarios para que conseguir un monte veciñal multinfuncional e sustentábel e que se impida converter o monte galego nunha inmensa leira de cultivos enerxéticos.