A asemblea convocada pola Xunta de Persoal, segundo sinalan dende a CIG-Saúde de Valdeorras, vai ter lugar despois da reunión da Plataforma en defensa da Sanidade Pública e da xuntanza coa xerencia. Aí o persoal acordará un calendario de mobilizacións a levar adiante para a defensa da área sanitaria de O Barco, ante a ameaza de que esta pase a integrarse na área de Ourense.
As reivindicacións comezarán, á marxe do que se decida no seo da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, o propio xoves 16 de xullo cunha concentración diante do Hospital Valdeorras que a Xunta de Persoal ten intención de repetir cada xoves do mes.
Así mesmo, dende a CIG-Saúde enviouse na mañá do 10 de xullo un escrito á Consellaría da Sanidade, solicitando a convocatoria da Mesa Sectorial para que informe concretamente sobre o proxecto de creación das áreas de xestión única e reclamando que se debata esta medida cos sindicatos, “sen actuar con tanto escurantismo e desinformación”.
Sanidade nin confirma nin desminte
Pola súa banda, dende a Consellaría de Sanidade envíanse mensaxes que deixan entrever a súa intención de integrar a área sanitaria de O Barco, aínda que se negan a confirmar ou desmentir este punto. Dende a CIG-Saúde de Valdeorras explican que durante a toma de posesión da Xerente do CHOU, a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, realizou unhas declaracións nas que deixaba entrever que podería suprimirse a área sanitaria do Barco e pasar a integrarse na de Ourense, mais sen concretar nada.
O pasado día 26 de xuño, a Conselleira estivo no Barco para a presentación da nova Xerente do Hospital de Valdeorras. Non obstante, “en ningún momento se dirixiu á Xunta de Persoal, representantes dos traballadores/as, senón que tivemos que ser nós os que solicitáramos poder falar con ela”.
Deste xeito, nunha conversa informal de 5 minutos preguntóuselle se ía suprimir a área de O Barco, e sen dicir que si explicitamente, deixou entrever que esa era a súa intención. Nesa conversa, a Xunta de Persoal indicou que non estaba de acordo con esta decisión e que “nos tería enfronte se finalmente tentaba seguir adiante”, apuntan dende a Federación de Saúde. Así mesmo, fíxoselle entrega dun escrito onde manifestaban a súa postura; escrito que xa afora rexistrado para que seguira as canles ordinarias.
Posteriormente, previa a unha asemblea co persoal do centro, a Xerente chamou aos representantes dos traballadores/as a unha reunión onde achegou toda a información da que dispoña: que se vai eliminar a área de O Barco, e que se está a elaborar o decreto de área única, que supostamente vai supoñer moitas melloras para o Hospital Comarcal Valdeorras. Aínda así, ao preguntar polo contido concreto do decreto, a Xerente non foi quen de contestar xa que o descoñecía.
Posta en marcha da Plataforma en defensa da Sanidade Pública
Marcados por esta situación, o pasado día 8 de xullo, a instancias da Xunta de Persoal, que convocou a toda a sociedade, realizouse unha xuntanza á que acudiron máis de 100 persoas para tratar de pór en marcha de novo a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que xa loitara pola área a finais dos 80.
Nesa xuntanza había representantes de todos os partidos con presenza en Valdeorras, alcaldes, concelleiros, e algún cargo máis, ademais da Xunta de Persoal, sindicatos, algunhas asociacións e persoas a título individual. Como resultado do encontro decidiuse constituír novamente a plataforma, que manterá unha reunión o mércores día 15 para decidir as medidas a tomar.
Máis información no blog sa CIG-Saúde de O Barco de Valdeorras