Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 10/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores do sector de mármores e pedras trasladarán as súas protestas das zonas industriais ás cidades e vilas

Manteñen a convocatoria de folga para os días 14,16, 21 e 22 deste mes
A Federación de Construción e Madeira da CIG vén de anunciar que os traballadores e traballadoras do sector de mármores e pedras de Pontevedra teñen acordado trasladar as súas protestas das zonas industriais ás cidades e vilas da provincia. A decisión chega logo das declaracións do presidente da Asociación de Graniteiros, quen ratificou o rexeitamento da patronal ao estudo sobre po e ruído, afondando no deterioro das relacións laborais.

O traslado das protestas até vilas e cidades da provincia de Pontevedra iniciarase cunha manifestación o vindeiro martes 14 de xullo polas rúas de O Porriño, coincidindo coa nova xornada de folga convocada no sector. A marcha comezará ás 11 horas dende a Casa Sindical na rúa Antonio Palacios facendo un recorrido polo concello, no que están situadas as principais empresas do sector.

A decisión é froito da ausencia de avances no conflito, a pesar da mediación que está a realizar a Inspección de Traballo, e tras as declaracións do presidente da Asociación de Graniteiros de Galicia, organización que representa ás industrias máis importantes de mármores e pedras.

“A patronal deixou clara a súa postura de non querer asumir unha realidade evidente, o que está a deteriorar aínda máis as relacións laborais no sector, o que, á marxe dos efectos da propia folga, vai traer malas consecuencias para o futuro”, afirma o responsábel da CIG-Construción e Madeira de Vigo, Alberto Fernández.

Neste senso, Fernández asegurou que as declaracións do presidente da AGG, ratificando o rexeitamento ao estudo sobre po e ruído e aludindo á existencia de “intereses políticos” detrás da convocatoria de folga, denota unha “clamorosa falta de argumentos, a existencia dun guión preestablecido por parte das organizacións empresariais, empeñadas en descualificar toda reivindicación da clase traballadora”.

Os traballadores e traballadoras do sector manterán novas xornadas de folga os días 14, 16, 21 e 22 de xullo.

cig.prensa@galizacig.com