Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG convoca unha manifestación en Pontevedra para rexeitar a condena de prisión a dous compañeiros da federación de Servizos

Marcos Cadórniga e Carlos Alján foron sentenciados a tres ano de cadea por participar na folga do comercio de alimentación en 2009
A CIG convoca unha manifestación en Pontevedra para rexeitar a condena a tres anos de prisión a dous sindicalistas da federación de Servizos e a outro de CCOO por participar na folga do comercio de alimentación en 2009. A central nacionalista xa anunciara a presentación dun recurso contra unha decisión xudicial que entende “desorbitada”, ao tempo que adiantou a celebración de distintos actos de solidariedade cos afectados e de protesta pola decisión xudicial.

Os responsábeis da CIG-Servizos de Vigo, coa secretaria comarcal, Transi Fernández, á cabeza, compareceron hoxe en rolda de prensa para criticar a sentenza e anunciar a convocatoria dunha manifestación en Pontevedra para o vindeiro 17 de xullo.

A marcha, na que tamén participarán os sindicatos CCOO e UGT, partirá da Praza da Ferrería ás 11.30 horas e rematará fronte á Audiencia Provincial. Na comparecencia celebrada no local do sindicato en Vigo tamén participaron arredor de 20 delegados/as da empresa de alimentación Froiz, que quixeron trasladarlle a súa solidariedade aos afectados, Marcos Cadórniga e Carlos Alján, liberado da CIG-Servizos e delegado da central nacionalista en Froiz, respectivamente.

Transi Fernández cualificou na rolda de prensa de “absurda e desorbitada” a sentenza e criticou que a condena a tres anos e un día de prisión aos sindicalistas “baseouse nuns feitos que nada tiveron que ver co que sucedeu”. A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo indicou que o relato aportado polas testemuñas durante o xuízo “non coincide coas conclusións dunha sentenza cimentada nas valoracións e opinións do propio xuíz, polo que xa foi recorrida”.

Neste senso, Fernández denunciou que como ese día non se produciron feitos violentos nin se rexistraron danos “o que fixeron foi imputarlles un delito contra os dereitos dos traballadores/as, na súa modalidade de liberdade de folga”. Diante disto, asegurou que a CIG non se vai quedar de brazos cruzados ante este abuso e convocará distintas protestas e actos para reivindicar o dereito de folga.

Finalmente, amosouse convencida de que non é casualidade que nun contexto de grave crise económica coma este se sucedan as condenas de prisión a sindicalistas, nomeadamente aos que forman parte da CIG. “Trátase de resolucións xudiciais moi pouco entendíbeis nun país democrático e que son aínda máis graves cando os culpábeis da crise, empresarios e banqueiros, seguen na rúa gozando de total impunidade”, rematou.

cig.prensa@galizacig.com