En concreto, e segundo explicou o secretario nacional de CIG-Servizos, están contratados como fixos descontinuos, e traballando, 1.000 brigadistas na Xunta de Galiza e non os 1.500 que esta dixo. “Os 1.500 son o total de postos de traballo que figuran na RPT, pero non están todos cubertos”, matizou.
En Seaga, xa están dados de alta na Seguridade Social os 500 previstos e a través de Natutecnia, para as brigadas helitransportadas, están xa contratados outros 150 traballadores e traballadoras. A estes sumaríanselles os 436 brigadistas que a Xunta ten previsto incorporar como fixos descontinuos, durante tres meses, como condutores motobombistas, emisoristas e vixiantes. O total sería, xa que logo, 2.000 traballadores/as e non os 5.689 que a Xunta afirmou.
A isto engadiu que o total de brigadistas contratados por Seaga “están cobrando, pero seguen na casa sen prestar traballo efectivo, porque a empresa non fixo acopio de material abondo para que puideran desenvolvera súa actividade”.
Rubido lembrou que para a campaña do verán pasado os efectivos estaban compostos por 3.600 persoas, 1.800 contratados pola Xunta de Galiza e outros 1.900 por Seaga. Unha diferenza de 1.700 que evidencia, para Rubido, o “descontrol” desta campaña. “A Xunta, este ano, só pretende solucionar o problema laboral, porque todas as contratacións teñen que facerse baixo a modalidade de fixo descontinuo”, afirmou advertindo que agora, por mor das condicións climatolóxicas non está habendo problemas pero que “cando aparezan vaise poder comprobar que estamos en condicións semellantes a Valencia”.
Demandas preparadas contra Natutecnia
Ante este descontrol e tras efectivizarse as contratacións a través de Natutecnia, tanto os comités provincias de Seaga como a CIG-servizos exixiron á Xunta que aclare a forma baixo a que esta empresa está traballando e que explique como foi contratado o persoal. Advertiron a Natutecnia que lonxe de facer negocio nesta campaña, esta vai ser “a súa tumba económica” e anunciaron que a CIG xa iniciou unha campaña para a presentación de demandas reclamando a subrogación dos 150 traballadores/as que formaron parte, na pasada campaña, das brigadas helitransportadas.
A este respecto, Rubido denunciou que Natutecnia “evitou contratar a traballadores/as con experiencia” e asegurou que xa se está rematando de recoller a documentación necesaria para a presentación dun cento de demandas.
Do mesmo xeito alertou da pretensión da Xunta de reforzar os efectivos con contratacións de máis brigadistas a través da empresa Tragsa, que xa ten previsto realizar as probas físicas o vindeiro día 12 de xullo. “Porén”, afirmou, “descoñécese o número de brigadas, a súa composición e o número de traballadoras e traballadores”.
Ante este baile de empresas alertou das pretensións da Xunta de experimentar este ano con esta modalidade de contratacións, coa pretensión de acabar por privatizar a prevención e extinción de incendios. Por iso, fixo un chamamento a unificar esforzos entre o persoal de Seaga e o da Xunta de Galiza e anunciou que os de Seaga irán incrementando as mobilizacións ao longo da campaña.