A crítica situación económica e a dramática situación laboral que padecemos, é para a CIG, consecuencia das medidas que se foron adoptando desde o comezo da crise. Medidas que á vista dos resultados foron un absoluto fracaso e que ían na mesma liña das que agora propón o BCE no informe do mes de agosto.
A central sindical viña advertindo desde que se comezaron a aplicar esas “receitas” cales serían as súas consecuencias e agora alerta que, de seguir afondando nelas, lonxe de saír da crise esta será máis longa e profunda provocando a exclusión social de miles de persoas.
As reformas laborais, recomendadas polo BCE e outras institucións económicas internacionais, impostas so pretexto de favorecer a creación de emprego, teñen provocado xa unha perda alarmante de dereitos laborais, nomeadamente a xeneralización da precarización das condicións laborais, tanto de traballadores/as en activo, como de desempregados/as, e o progresivo desmantelamento do sistema público de protección social.
A CIG denuncia que a pretensión de favorecer a competitividade pola vía de rebaixar os salarios provocará exclusivamente precariedade e pobreza. Fronte ao modelo asiático, a central sindical defende incrementar os investimentos en I+D para favorecer a competitividade pola vía de reducir os custos de produción, coa introdución de melloras tecnolóxicas, e pola vía de mellorar a calidade dos produtos. Alerta ademais que con salarios baixos o Estado recadará menos para os fondos públicos de Seguridade Social e Desemprego e denuncia que o que se busca é privatizar todo o sistema e a quebra do estado do benestar.
Lembra tamén que os acordos de contención salarial asinados durante estes últimos anos provocaron unicamente unha merma nas condicións de vida, o descenso do consumo, máis paro e un deterioro aínda maior da situación económica. Por iso advirte que, de seguir as recomendacións que neste sentido fai o BCE, as consecuencias serán aínda máis desastrosas e manifesta que non se pode seguir cedendo á extorsión dos mercados mentres a poboación se empobrece a un ritmo alarmante.
Fronte a estas medidas, que son as que xa está a aplicar o PP, a central sindical vén defendendo a necesidade de atacar a crise a través doutras políticas fiscais que xeren ingresos ao estado; incrementar o investimento público para reactivar a economía e crear unha banca pública que garanta crédito e liquidez á pequena e mediana empresa, entre outras.