Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 10/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Novas concentracións comarcais contra o saqueo ao pobo para pagar o rescate da banca

A próxima mobilización está convocada para o venres 24 de agosto, coincidindo co Consello de Ministros
As organizacións sindicais volveron concentrarse este venres nas distintas comarcas do país para manifestar o seu rexeitamento ao último paquete de medidas imposto polo Executivo de Mariano Rajoy, que son a primeira consecuencia do multimillonario rescate á banca. As organizacións sindicais teñen acordadas novas mobilizacións, a primeira delas coa convocatoria de concentracións en todas as comarcas o vindeiro venres, día 24 de agosto, coincidindo coa celebración do Consello de Ministros.

Con estas mobilizacións denúncianse as consecuencias das diferentes medidas adoptadas desde o comezo da crise, nomeadamente as adoptadas polo PP desde a súa chegada ao poder: as reformas laborais; a diminución das pensións; a práctica desaparición da negociación colectiva; as conxelacións salariais; a entrega de miles de millóns de euros aos bancos; os incrementos de taxas nos servizos públicos (como no ensino e universidade); o incremento da contribución no abono sanitario, para toda a cidadanía e para os pensionistas; a desaparición do aseguramento universal no noso sistema estatal de saúde e a retirada da cobertura de centos de medicamentos, obrigando as cidadáns a súa compra.

Medidas que se teñen completado nestas últimas semanas coa diminución aínda maior dos dereitos das persoas traballadoras. Recortes que se producen e xustifican criminalizando unha vez máis aos empregados públicos, aos que ademais se lles rebaixa o salario, e que se acompañan con medidas como o incremento do IVE, un novo recortazo ao FOGASA e os dereitos de quen percibe o desemprego.

Denuncian que o obxectivo destas políticas é incrementar os beneficios dos chamados “mercados” e as súas arcas, a custo dos e das de sempre: o pobo traballador e as persoas con máis necesidades sociais, nomeadamente desempregados/as, pensionistas e dependentes.

Consideran que é una loita na que o capital financeiro e o grande poder económico, nin dubidan, nin van dubidar, en empregar todos os medios ao seu alcance para seguir a enriquecerse, aínda que isto supoña, que a clase traballadora quede condenada á pobreza, á fame, á desprotección diante da enfermidade e á miseria.

Por iso, fan unha chamada á mobilización social como única forma de reverter esta situación, para camiñar cara un novo modelo económico e social máis xusto, máis equitativo e máis solidario.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com