Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 10/9/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Dores Martínez, responsábel de téxtil da CIG, Paulo Carril, secretario comarcal de A Coruña, e Isabel Muíño, presidenta do Comité de empresa de Caramelo, durante a asemblea de delegados e delegadas da CIG.
Traballadoras/es de Caramelo e delegados/as da CIG concentráronse diante dos edificios da Xunta en A Coruña para reclamar a resolución do recurso contra a aprobación do ERE e para exixir a dimisión da conselleira de Traballo.

Traballadoras/es de Caramelo e delegados/as da CIG exixen á Xunta que restableza a legalidade e resolva o recurso contra o ERE

Solicitan a dimisión da conselleira de Traballo por prevaricación
Un grupo de traballadoras/es de Caramelo e delegados e delegadas da CIG na comarca de A Coruña concentráronse na mañá do 10 de setembro diante dos edificios administrativos da Xunta para denunciar a ilegalidade do expediente de regulación da fábrica de A Grela e reclamar á Dirección Xeral de Relacións Laborais que resolva dunha vez o recurso de alzada presentado pola central en contra da aprobación do ERE. Así mesmo, criticouse a actuación de CCOO neste proceso e demandouse a inmediata dimisión da conselleira de Traballo.

Xusto un mes despois de terse presentado a reclamación contra a decisión da Xunta de aprobar o expediente de regulación de emprego de Caramelo, xustificado no resultado acadado no referendo ilegal e contra a vontade do Comité, traballadores e traballadoras da planta de A Grela acompañadas por delegados e delegadas da CIG concentráronse diante dos edificios da administración na cidade herculina para amosar o seu rexeitamento ao ERE, ás “nefastas consecuencias” que supón para o persoal de Caramelo e á situación de indefensión na que deixa os dereitos da clase obreira.

Alí puidéronse escoitar berros pedindo a dimisión da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, por permitir un expediente de regulación de emprego fraudulento e ilegal.

Asemblea de delegados e delegadas

Previamente á concentración tivo lugar no local sindical unha asemblea de delegados/as da CIG na que se abordou todo o procedemento transcorrido dende o anuncio do ERE até a súa aprobación definitiva pola Xunta, a actitude mantida por CCOO neste proceso e ás repercusións da decisión tomada pola administración galega. “A gravidade do conflito de Caramelo radica en que levou a que a Xunta aprobara un ERE ilegal contra da vontade manifesta do Comité de empresa”, afirmou o secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril.

O responsábel comarcal lembrou que non pode existir negociación con acordo sen o aval do Comité, “aínda que desta ocasión logo dunha votación en asemblea, a empresa, coa conivencia de CCOO, argallou un movemento para promover un referendo que serviu de pretexto para a aprobar o ERE”. Deste xeito, denunciou, a administración resolveu en contra da opinión do persoal, da vontade do Comité e dos informes da Inspección de Traballo. Neste senso hai que lembrar que a Inspección emitiu un documento desfavorábel ao expediente, rexeitando todos os argumentos presentados pola dirección de Caramelo.

A maiores do recurso de alzada, Carril informou que a central tamén ten presentado unha demanda por vulneración da liberdade sindical e estase preparando outra demanda por prevaricación contra a Xunta, xa que resolveu de forma inxusta e “a sabendas” o expediente de regulación, desoíndo ao Comité e á Inspección.

Manipulación informativa

Pola súa banda, a responsábel de téxtil da CIG, Dores Martínez, non dubidou en criticar a intoxicación e manipulación informativa realizada polos medios de comunicación, que anunciaron que os traballadores/as percibirían indemnizacións de 60.000 euros, cando a realidade é ben distinta: tan só catro persoas (que ocupaban postos intermedios) dos 237 despedimentos cobrarán unha compensación desta contía, o resto do persoal terá indemnizacións de 39 días por ano traballado cun tope de 34 mensualidades.

Martínez apelou á responsabilidade da Xunta en todo o conflito tanto pola súa capacidade para resolver EREs como, neste caso, por ser socios da empresa e posuír o 7.5% do accionariado. A pesar de ter solicitado a mediación no conflito dende abril, non foi até o 11 de xuño que a administración acordou tomar parte como intermediaria, aínda que mantivo conversas de forma unilateral co accionista principal da empresa, Manuel Jove. “Este ERE estaba pactado dende o principio”, denunciou a responsábel de téxtil da CIG.

Precedente perigoso

Mentres, Carril engadiu que a Xunta requiriu á Inspección de Traballo para avalar o resultado do referendo, aínda que a autoridade laboral negouse a facelo e remitiunos aos xulgados. “A decisión da Consellaría senta un precedente perigoso para facilitar a manipulación do valor e o resultado das asembleas de traballadores/as. O día de mañá como os delegados e as delegadas sindicais non lle entren ao trapo ás empresas cando presentan un ERE, a dirección podería montar unha asemblea cos encargados e sacar adiante calquera proposta que queiran”, advertiu.

A esta actitude e desinterese da Xunta no conflito de Caramelo engadíuselle o proceso iniciado polos responsábeis de Caramelo, logo da votación asemblearia, o 24 de xullo, na que se rexeitou (por non acadar as expectativas e deixar importantes cuestións sen clarexar) a última proposta presentada pola empresa a través dos negociadores. “O daquela director xeral, Fernando Maudo, ao que tamén lle deron á patada, foi ao día seguinte pola fábrica reprochando ás traballadoras/es que non participaran na asemblea, porque non estaban afectadas polo ERE e nunca tomaran parte nas mobilizacións, que pola súa culpa se perdera a votación”, explicou.

Nesta liña, destacou que os traballadores/as que participaron no referendo promovido pola empresa en contra da maioría do Comité, ignorando as decisións da asemblea e co beneplácito de CCOO, “son que están hoxe nos seus postos, e aínda que segundo as informacións aparecidas nos medios 237 operarias estaban desexando sumarse ao ERE, os motivos que motivaron a súa marcha hai que buscalos nas condicións de traballo que se autorizan coa resolución favorábel do ERE”.

Condicións de traballo insostíbeis

O documento, que consta de sete puntos, recolle unha autorización que permite a deslocalización do 100% da produción á outros centros e dá luz verde para promover a mobilidade funcional (cambiando ao persoal de seccións) e materializar a flexibilidade horaria. Estas dúas consecuencias xa se están comezando a vivir na fábrica, pois, segundo explicou a presidenta do Comité, Isabel Muíño, a actividade de varias seccións foi trasladada a outros centros, e o persoal mudado de departamento.

Sobre as contradicións intrínsecas á presentación do propio ERE, Muíño referiuse á comunicación da dirección de Caramelo, quen agora pretende que as traballadoras/es realicen horas extraordinarias, ampliando a súa xornada até o sábado, posto que o actual cadro de persoal (reducido á metade) non é suficiente para cubrir a actividade que aínda permanece na planta de A Grela.

Ademais, a dirección aínda non clarificou se cando remate a data do preconcurso (outro argumento utilizado para presionar ao cadro de persoal) van acudir ou non ao concurso de acredores.

Máis imaxes da mobilización

Para ver máis imaxes da asemblea e da concentración pincha aquí, ou visita a sección multimedia da nosa web.

Para saber máis da evolución do conflito de Caramelo bótalle un ollo ás novas anteriores sobre este tema.

cig.prensa@galizacig.com