Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/9/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Construción denuncia a situación na que quedan 400 operarios despedidos do AVE a Vigo

A central nacionalista lembra que moitos empregados/as son de fóra de Galiza e deberán marchar co curso escolar xa comezado
Dende a CIG-Construción amosaron a súa preocupación pola situación na que quedan os arredor de 400 empregados/as despedidos das empresa que acometen a obra do AVE a Vigo, especialmente aqueles chegados dende outros puntos da Península. A central denuncia que moitos destes operarios/as que trouxeron ás súas familias e escolarizaron os seus fillos aquí deberán regresar ás súas localidades co curso xa comezado.

Dende a federación da Construción consideran moi grave a problemática social derivada da paralización dunha das infraestruturas máis importantes para a comarca nos últimos anos. Como exemplo citan o caso dun obreiro madileño que levaba dous anos desenvolvendo o seu labor nas obras do AVE e ao que lle veñen de comunicar o seu despedimento a pesar de que contaba cun contrato indefinido dende hai un ano.

Agora atópase sen traballo e con que ten que regresar ao seu lugar de orixe. Pero o problema é que hai tempo que trouxo á súa familia para Galiza ante as expectativas de emprego e matriculou aos seus fillos e colexios da zona. “Empadroneime por iso do colexio e o médico e agora teño que marchar co curso xa comezado e non sei se daremos atopado praza para os tres no mesmo centro”, explica.

Comenta tamén que son moitos os compañeiros/as que se atopan na mesma situación e lamenta que os responsábeis da obra non teñan previsto isto antes. Tampouco confía demasido na posibilidade de que o volvan contratar, porque a pesar de que o seu xefe lles trasladou a súa intención de facelo cando se reanuden as obras, “non sabemos cando vai ser iso nin en que condicións”. Na súa opinión, o proxecto está paralizado pola falta de financiación e considera que os empresarios pretenden “facer unha limpeza” para volver contratar outra xente “en peores condicións”.

Dende a CIG censuran especialmente a falta de información con que as Administracións están a levar os despedimentos, ademais de esixir a reanudación das obras e a readmisión dos traballadores/as.

cig.prensa@galizacig.com