Suso Seixo, secretario xeral da CIG, considera que esta reforma, dirixida fundamentalmente a abaratar e facilitar o despedimento, confirma que o seu obxectivo é proporcionar ao empresariado man de obra barata ampliando os contratos en formación até os 24 anos; flexibilizar aínda máis o mercado laboral, ao dar facilidades ás empresas para o incumprimento dos convenios, tanto en materia de acordos salariais, como en horarios de traballo e en mobilidade xeográfica e funcional, entre outros; a privatización da intermediación no mercado laboral, dando entrada ás ETTs en todas as actividades, mesmo no ámbito da administración pública e transferir aínda máis recursos da clase traballadora ao capital.
“É unha reforma claramente favorábel aos intereses da patronal que se pretende xustificar co pretexto de crear emprego nunha situación de crise, cando nada que ver con esta, porque nin as reformas anteriores nin esta serviron para crear emprego e o único que conseguiron foi precarizar aínda máis as condicións laborais”, explica Seixo.
Para a CIG, para a creación de emprego, neste intre, son necesarias outras políticas económicas, destinando máis recursos a investimentos públicos de carácter produtivo; encetando unha reforma fiscal que posibilite incrementar de forma significativa os ingresos do estado; incrementando os tipos impositivos ás rendas máis altas e ás rendas do capital e articulando medidas para perseguir a fraude fiscal que está entre o 20% e o 25% do PIB. “Estamos a falar de moitos miles de millóns de euros”, di Seixo, “que incrementarían substancialmente os ingresos do estado nunha situación de crise económica como esta”.
O secretario xeral da CIG alerta de xa se está falando tamén de posíbeis recortes nas prestacións por desemprego, de ampliar a idade de xubilzación aos 67 anos, de ampliar o número de anos para calcular a base reguladora e para ter dereito a unha pensión. “Medidas todas elas que teñen máis que ver coas políticas neoliberais dos últimos anos, fomentadas desde a UE e desde institucións financeiras como FMI e BM, e que veñen da man do PSOE e da socialdemocracia española”.
A mobilización, a única solución
A CIG considera que a única maneira de frear estas políticas é a través da mobilización social e que é fundamental, o día 29 de setembro “facer unha demostración de forza importante se queremos tirar abaixo non só esta reforma senón tamén as que están previstas en materia de negociación colectiva, de prestacións por desemprego ou de pensións”.
Diante desta situación, o secretario xeral da CIG afirma “estamos nun confronto de poder entre o capital e a clase traballadora. Ou se afianza moito máis o neoliberalismo, que é o responsábel desta crise económica, ou conseguimos mudar a correlación de forzas en favor da nosa clase, para ter capacidade de presión suficiente sobre o poder político para que se fagan outro tipo de políticas estruturais que nos leven cara outro modelo de organización social e económico moito máis xusto, máis solidario e moito máis democrático”.