Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O persoal de Alcoa San Cibrao contou co apoio dun grupo de rapaces/zas dun colexio.

Centos de traballadores/as de Alcoa Inespal maniféstanse durante dúas horas en defensa dos empregos e a actividade industrial

O persoal de Alcoa en San Cibrao continúa tamén o calendario de mobilizacións cun novo corte de tráfico
Continuando co calendario de mobilizacións que os traballadores/as das plantas de Alcoa en Galiza están a realizar en defensa da continuidade da actividade industrial e dos empregos,  na tarde deste mércores o persoal da Coruña realizou unha marcha que se prolongou durante dúas horas, mentres que o persoal de San Cibrao protagonizou un novo corte de tráfico na estrada do Castelo.

Os traballadores e traballadoras de Alcoa Inespal protagonizaron unha numerosa, ruidosa e prolongada manifestación que os/as levou dende a factoría no Polígono de Agrela até as portas da Delegación do Goberno, nun percorrido de máis de dúas horas polas principais vías de comunicación da Coruña.

A marcha, que saíu minutos antes das seis da tarde dende a fábrica de Alcoa Inespal baixo unha intensa choiva e chegou pasadas ás oito da tarde ao edificio da Delegación do Goberno no centro da Coruña, contou tamén coa participación dos traballadores/as de Ferroatlántica e ducias de cidadáns e cidadás que se ían incorporando nas diferentes etapas do traxecto da manifestación.

Pola súa banda, os traballadores/as da planta de San Cibrao realizaron un novo corte de tráfico na estrada do Castelo, principal vía de comunicación da zona da costa, que se prolongou durante case unha hora. Desta volta, á protesta tamén se sumaron un grupo de rapaces e rapazas do colexio de Infantil e Primaria de San Cibrao, que acompañados/as polos seus pais e nais, tamén portaron cartaces reivindicativos a favor da continuidade da actividade da fábrica de Alcoa.

Incumprimentos dos Gobernos

Ao berro de consignas sobre a tarifa eléctrica, a defensa dos postos de traballo ou os incumprimentos dos gobernos do PP, acompañados polo ruído dos petardos, as bucinas dos vehículos e a iluminación de bengalas, os traballadores/as reclamaron dos Gobernos un compromiso firma coa produción galega do aluminio e cos miles de empregos que dependen desta industria tanto na comarca da Coruña como na Mariña.

O delegado da CIG en Alcoa Inespal, Julio Moskowich, ao remate da mobilización valoraba moi positivamente a resposta que o conxunto do persoal está dando ás ameazas da multinacional de pechar as tres plantas de produción de primario que ten no estado español, pero que o tempo pasa e as respostas da administración non chegan. Neste senso, acusou ao Goberno español e galego de pretender botar balóns fóra nesta problemática e reclamou do Ministerio de Industria unha solución urxente que garanta a continuidade da actividade industrial e dos empregos.

“Até agora só escoitamos promesas do ministro Soria sobre a tarifa eléctrica, pero a empresa nos di que non teñen ningún compromiso en firme asinado e o tempo pasa. A empresa deu dúas semanas de prazo e xa advertiu que se o goberno non lle da unha resposta neste tempo pechará as tres plantas que ten no estado”, advertía.

Moskowich criticou que, ante a celebracións das eleccións o vindeiro 21 de outubro, o Goberno galego pretende eludir esta problemática dicindo que a tarifa eléctrica é competencia do Ministerio, dende Industria aseguran que están na procura de solucións, pero ningún dos dous gobernos se atreve a achegar un compromiso cos traballadores/as na defensa dos empregos nin a facer anuncios dos que se poidan derivar prexuízos electorais para o PP.

Neste senso, urxiu ao goberno estatal a “lexislar” e acabar coa estafa que é a tarifa eléctrica, “pero non só para Alcoa, senón para o conxunto da industria e a cidadanía galega”, xa que Galiza é un importante produtor de enerxía, pero carece de competencias para xestionar unha tarifa propia.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com