Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 11/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Preséntanse en Vigo as “Xornadas internacionais de economia social (vivenda e crédito)” que se celebrarán o 21 e 22 de novembro

Será nesta mesma cidade no Hotel Tryp Los Galeones
O martes 11 de novembro tivo lugar a rolda de prensa de presentación das “Xornadas internacionais sobre economia social (vivenda e crédito)”, que se celebrarán o 21 e 22 de novembro no Hotel Tryp Los Galeones, en Vigo. Estes encontros son os segundos sobre esta temática de cooperativismo que se realizan este ano, organizado conxuntamente pola CIG e a Federación de Cooperativas Sinerxía. A vivenda e o crédito serán os temas principais destas Xornadas.
Manuel Mera, secretario confederal de Formación e Comunicación da CIG, xunto a Miguel Quinteiro, vicepresidente da Federación de Cooperativas Sinerxia.

Manuel Mera, secretario confederal da CIG de Formación e Comunicación, e Miguel Quinteiro, vicepresidente da Federación de Cooperativas Sinerxia, presentaron o contido destas xornadas, nunha rolda de prensa que tivo lugar no local sindical da CIG de Vigo.

Manuel Mera destacou que "non é casual que nos organicemos estes encontros porque nos parece que o cooperativismo é unha opción importante, que debe ser promovida polo propio sindicato, como unha alternativa necesaria, porque debemos favorecer opcións públicas".

21 de novembro: xornada de encontro 

A primeira destas dúas xornadas de encontro terá lugar o día 21 e é "a máis importante, porque é unha xornada de exposición de experiencias, xa que o día 22 quedou configurada como unha xornada máis de traballo, para que a xente máis experta no tema, poda entrar máis a fondo na temática que expoñemos", explicou Mera.

O secretario confederal da CIG de Formación fixo un chamamento á participación nestas xornadas, salientou a gratuidade das mesmas, xa que se conta coa colaboración da Consellaria de Vivenda e Solo de Xunta de Galiza.

Experiencias galegas e internacionais

Nestas xornadas exporanse experiencias sobre cooperativismo de Galiza, mais tamén haberá relatores e relatoras que acheguen experiencias de Uruguai, Portugal, Cataluña, Euskadi, Italia, que deixará "unha boa contribución para que a xente que se achegue coñeza este tipo de experiencias, porque son experiencias moi interesantes das que podemos aprender moito".

Mera subliñou que "é a primeira oportunidade para escoitar de primeira man estas realidades cooperativas", polo que reiterou o convite "a todas aquelas persoas do movemento cooperativo ou interesados no tema, desde os concellos, asociacións veciñais ou organizacións sociais, a que se anoten para participar neste encontro".

Nas xornadas participará unha representante da Consellaria de Vivenda e Solo para dar a coñecer que é o que se está a facer desde a Administración galega neste sentido.

Serán inauguradas polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo, Ana Lourenzo, presidenta de Sinerxia, e pola Conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, o venres 21 de novembro ás 9.30 da mañá.

Creación dunha banca ética

Miguel Quinteiro, vicepresidente de Sinerxia, explicou que "a burbulla inmobiliaria aparece porque se da nunha economia especulativa e non social, e no crédito acontece isto mesmo, porque no século XIX decidiron crear as caixas de aforro para combater a usura e fomentar a economia familiar e local, e na actualidade estamos vendo o papel que está a xogar a banca privada".

Quinteiro informou de que en Sinerxia teñen na actualidade unha comisión "que está a traballar na creación dunha banca ética, e estamos estudando distintas alternativas, como Cop57, que xa se implantou en distintas autonomias do Estado, ou outras experiencias como a banca ética italiana". Asi, Quinteiro adiantou que "isto o que nos leva é a comprobar que hai alternativas para dar unha perspectiva distinta á cuestión do sistema financeiro"

Quinteiro manifestou que "as cooperativas debemos pular pola creación dunha conciencia social de participación, que faría que as cousas foran moi distintas, e se existira unha maior conciencia cooperativa non viviriamos unha crise como estamos a vivir".

Ademais, o representante de Sinerxia engadiu que "as cooperativas se caracterizan precisamente porque crean postos de traballo estábeis, xusto ao contrario da política empresarial actual e as súas relacións laborais".

Por último, Quinteiro indicou que "destas xornadas poderemos obter conclusións moi interesantes , para que se cambien as orientacións e os xeitos de actuar da economia, baseada en fins especulativos, e non nos sectores produtivos, que é o que realmente pode facer medrar o benestar da maioría da xente".

Programa das xornadas

A continuación anexamos o programa destas xornadas:

PROGRAMA

VENRES 21 DE NOVEMBRO

Sesión mañá

09:15h Recepción de participantes.

09:30h Acto de apertura das xornadas:

Xesús Seixo, Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ana Lorenzo Vila, Federación de Cooperativas SINERXIA.

Teresa Táboas Veleiro, Conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia (ou quen ésta designe para a representar).

10:30h Presentación de experiencias de vivenda:

Carlos Márquez Cabrera. Uruguai.

Foi membro do Grupo Asesor do Ministerio de Vivenda do Goberno da República Oriental do Uruguai. É integrante da Cooperativa de Vivenda UCOVITA e COVIPRO.

Antón Ínsua López. Galiza.

Forma parte do Consello Reitor da Cooperativa Salgueiriños de Vivendas de Compostela. Licenciado en Ciencias Económicas pola USC, é actualmente xerente de Cidadania S. Coop. Galega.

Álvaro Costa. Portugal.

É Presidente da Dirección de IRMANADORA - Cooperativa de vivenda e construción, servizos e solidariedade, CRL., presentará a experiencia do cooperativismo de vivenda en Portugal.

Representante da Consellaría de Vivenda e Solo. Galiza.

Presentará as liñas de actuación e accións emprendidas por parte da Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, no relativo ao cooperativismo de vivenda.

14:30h Xantar.

Sesión tarde

16:30h Presentación de experiencias de crédito:

Jose María Larrañaga Bolinaga. Euskadi.

Enxeñeiro técnico. Ex Director de Persoal de Fagor que presentará a experiencia de crédito cooperativo de Mondragón: a Caja Laboral Popular Coop. de Crédito - Euskadiko Kutxa.

Ramón Pascual Sanpons. Cataluña.

É Coordinador de Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros que destina os seus recursos propios a dar préstamos a proxectos de economía social.

Peru Sasia Santos. Euskadi/Italia.

É o Director Xeral de FIARE (Fundación de Inversión y Ahorro Responsable), e presentará a experiencia da Banca Popolare Ética (Italia), coa que FIARE ten unha relación estratéxica e da que promove produtos financeiros de apoio á economía social.

19:00h Peche da sesión.

Sábado 22 de novembro

10:30h Mesas de traballo e debate.

14:00h Peche das xornadas.

ANÓTATE

Para participar nas xornadas tan só é preciso que solicites a túa pre-inscrición mediante correo electrónico dirixido ao seguinte enderezo: vivendaecredito@gmail.com

Tamén nos telefones: 986 896 526 (SINERXIA) e 986 827 948 (CIG)

Indica tamén se vas participar a título individual ou en representación dalgunha entidade/organización (sinalando nese caso cal).

A participación nas xornadas será totalmente gratuíta (incluído o xantar do venres 21) e entregarase certificado de asistencia a quen o precise e/ou solicite.

Por mor da limitación do aforo as prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. As inscricións serán definitivas só unha vez sexan confirmadas pola organización.

cig.prensa@galizacig.com