Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 11/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG e ELA asinan un manifesto conxunto no que demandan un novo modelo económico e social

Delegacións de ambas organizacións sindicais mantiveron un encontro en Bilbo, os días 10 e 11 de novembro
Delegacións dos sindicatos ELA (Euskal Herria) e CIG, encabezadas polos seus Secretarios Xerais, Adolfo Muñoz e Suso Seixo, mantiveron durante os días 10 e 11 de novembro varias xuntanzas de traballo en Bilbo. Nas mesmas analizaron a conxuntura política, social e económica que atravesan ambos os países. Alén diso, puxeron en común os plans de traballo que cada organización está a desenvolver, compartindo balances e experiencias.

Ambos os sindicatos queren destacar a súa visión coincidente respecto dos temas esenciais que afectan ao sindicalismo. Como puntos a destacar pódense sinalar os seguintes:

A afirmación de que a crise que atravesamos é, ademais de económica, política. Foi a política a que se puxo ao servizo dos intereses do capital e das empresas. Queremos facer fincapé na subordinación dos gobernos aos intereses do capital.

Que en plena crise, quen de verdade mandan e son responsábeis da crise decidiron que as consecuencias desta crise recaian sobre as costas dos máis débiles.

Criticar as políticas neoliberais e orzamentarias que realizan as nosas respectivas administracións. Esas políticas reflicten a continuidade no liberalismo e a negativa a tomar medidas estruturais que discutan os privilexios dos de sempre e atendan as necesidades dos máis desfavorecidos.

Constatar que a patronal está a obter, co favor das administracións, o axuste de emprego que quere e a un prezo irrisorio. É para a patronal, sen lugar a dúbidas, a crise máis barata das habidas nos últimos 30 anos.

A convicción de ambas organizacións de que é imprescindíbel seguir reivindicando e mobilizando á sociedade por un modelo económico e social máis xusto. Rexeitamos o “pactismo social” que pretende converter o sindicalismo nun apéndice ao servizo das políticas de axuste, en algo puramente burocrático e distante dos verdadeiros intereses da clase traballadora.

Queremos chamar a atención respecto das compoñentes centralizadoras dese “pactismo social” no Estado español. Manifestamos a nosa preocupación polos obxectivos de reforma laboral que se anuncia en Madrid. ELA e a CIG afirman que ese “pactismo social” converteuse nun instrumento político para a centralización, entre outras materias, da propia negociación colectiva.

Neste escenario de crise económica e política reafirmámonos na necesidade de reforzar a soberanía política das nosas respectivas nacións, Galiza e Euskal Herria, dotándonos de competencias que nos permitan afrontar esta crise partindo da nosa propia realidade económica e social e ao servizo dos intereses da clase traballadora.

Ambos os sindicatos manifestan a súa vontade de dar continuidade a estes encontros que serven, entre outras cousas, para compartir reflexións e estratexias. Algo do que o sindicalismo, nos tempos que corren, está moi necesitado.

Bilbo, 11 de novembro de 2009.

cig.prensa@galizacig.com