Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Migración presenta en Bilbo o libro "Cantigas para catro mortes", do exiliado Xosé Sesto

O vindeiro venres 13 de novembro na sede da Euskaltzaindia
O venres 13 de novembro en Prazaberri, Bilbo, na sede da Euskaltzaindia terá lugar a presentación do libro “Cantigas para catro mortes, Poemas para cuatro muertes, Lau heriotzentzat kantak, Cançons per a quatre morts, Bóveda, Companys, Gernika, Lorca”, do exiliado galego Xosé Sesto. Este novo volume está editado por CIG-Migración en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados.

Na presentación estarán Xurxo Martínez Crespo de CIG-Migración, Felipe Senén López, técnico cultural e testamenteiro de parte da obra de Xosé Sesto, Edorta Jiménez, tradutor da biografía de Xosé Sesto para o éuscaro, Raúl Río directivo da Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo e Andrés Urrutia, presidente da Euskaltzaindia e tradutor para o éuscaro do libro de Xosé Neira Vilas, “Memorias dun neno labrego/Mutiko baserritar baten oroitzapenak”.

"Cantigas para catro mortes", do exiliado galego Xosé Sesto, aparece agora publicada na súa redacción orixinal en galego e con tradución ás outras linguas do Estado español: catalán, castelán e éuscaro. O libro, editado pola Confederación Intersindical Galega-Migración en colaboración coa Federación Galega de Asociación de Emigrantes Retornados e o apoio da Secretaría Xeral de Migración da Xunta de Galiza, contou ademais coa colaboración cun limiar de Felipe Senén, dunha biografía de Xosé Sesto de Xurxo Martínez Crespo, e coas traducións ao éuscaro dos poemas de Sesto do académico da lingua vasca, hoxe finado, Juan San Martín e do escritor vasco Edorta Jiménez para os textos biográficos de Sesto e o limiar.

A tradución dos poemas para o catalán foron traballo de E. Losada e da biografía e do limiar de Meritxell Romances Cuxart. A tradución dos poemas para o español pertencen ao fillo de Xosé Sesto, Farruco Sesto Novás, ex ministro de Cultura e de Vivenda de Venezuela.

Cantigas para catro mortes é un libro dunha gran sensibilidade artística, poética e patriótica. Está ilustrado cun alfabeto galego, inédito até a presente edición, debuxado polo propio Sesto.

Extraordinario debuxante

Xosé Sesto é un dos grandes descoñecidos da historia do exilio galego. Nado en Pontevedra o seu pai era funcionario de Facenda naquela cidade e compañeiro de Alexandre Bóveda na Delegación de Pontevedra. O pai de Sesto foi un dos membros da coral Aires D’a Terra de Perfecto Feixoo e toda a familia formou parte da Coral Polifónica de Pontevedra con Bóveda, Castelao e Blanco Porto.

Cunha dote extraordinaria para o debuxo, Xosé foi alumno de Castelao quen lle organizara a primeira exposición en Pontevedra e sendo bolseiro da Deputación na súa viaxe por Europa agasalla ao pequeno Xosé cunha caixa de pinturas que recollerá na botica de Perfecto Feixoo; a caixa, cun debuxo dun burro feito por Castelao, está depositada no Museo de Pontevedra por doazón do propio Sesto.

Pero se cadra a maior transcendencia de Xosé Sesto na historia de Galiza débese ao seu limiar do libro de Xerardo Álvarez Gallego “Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda”, no que narra os derradeiros momentos de vida do mártir galego e a especial relación que mantiña con el o propio Sesto. Este limiar é unha das xoias, dentro dos terríbeis testemuños da represión franquista, da nosa historia.

Actividades divulgativas

CIG-Migración e a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados veñen realizando unha serie de actividades editoriais e expositivas de divulgación co fin de achegar ás galegas e galegos o traballo cultural e político da historia do exilio económico e político galego no mundo.

cig.prensa@galizacig.com