Dáse a circunstancia de que o profesor de Alemán ten o destino definitivo no IES Salvador de Madariaga. Ademais, os dous alumnos matriculados xa se teñen examinado da materia agora suprimida pola Consellaría de Educación.
Esta decisión inexplicábel e completamente censurábel de Educación obriga estes alumnos a inscribírense agora noutras materias optativas, no momento en que finaliza o primeiro trimestre do curso académico.
A xuízo da CIG-Ensino, a supresión da materia de Alemán no IES Salvador de Madariaga cuestiona a propaganda de Educación acerca dun suposto fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras entre o alumnado do ensino secundario. A Consellaría predica unha cousa mais logo executa a contraria.
A CIG-Ensino enmarca esta decisión de Educación dentro da campaña emprendida por este gabinete da Xunta para suprimir materias optativas cun número reducido de alumnos matriculados. Esta política é aplicada en moitos centros educativos da nosa comarca. Por exemplo, o departamento dirixido por Laura Sánchez Piñón suprimiu no IES de Viós (Abegondo) Latín, Francés e Bioxeoloxía ou, na Escola de Artes Plásticas Pablo Picasso, o ciclo formativo “Módulo I de Taller Cerámico”.