Unha representación da CIG estará presente na mobilización que a CES ten organizada para o vindeiro martes 16 de decembro, e que percorrerá as principais rúas de Estrasburgo entre as 13:30 e as 16:00 horas. A convocatoria, busca trasladar o rexeitamento unánime por parte das organizacións sindicais á ampliación da xornada laboral e defender os dereitos dos e das traballadoras.
A pretensión de aumentar até as 65 horas o tope da xornada semanal cuestiona o modelo da chamada “Europa social”, como definen e din defender determinados estados membros da UE, sindicatos pactistas e partidos socialdemócratas. A proposta dos ministros de Traballo é unha mostra máis do carácter neoliberal da Unión Europea, na liña do expresado no Tratado constitucional da UE e no Tratado de Lisboa.
Que se pretende coa Directiva de Tempo de Traballo?
O pasado 11 de xuño, o Consello de Emprego, formado polos Ministros de Traballo de cada un dos Estados que integran a UE, aprobou por maioría a chamada Directiva de Tempo de Traballo.. A reforma é totalmente regresiva e excede con creces o límite de 48 horas semanais que marcara a Organización Internacional do Traballo na primeira metade do século XX e que foi mellorado nos diferentes estados grazas á negociación colectiva.
A aprobación da directiva suporá:
1.-Poder traballar, como máximo, unha xornada semanal de até 65 horas, con carácter flexíbel, que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses; sen fixar o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo ao ano. O que se traballe de máis nunhas semanas, traballarase, supostamente, de menos nas outras.
2.-A Directiva estabelece para determinados sectores de servizos, como pode ser a Sanidade, Vixilancia e Seguridade, Condutores de Transporte Público ou Privado... etc, que o período inactivo de traballo que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo, por exemplo, durante unha garda médica o tempo que non hai pacientes, ou nos tempos de espera entre servizos para os condutores de autobús.
3.-Estabelécese a posibilidade de que na sinatura do contrato o traballador ou traballadora pode “voluntariamente” de xeito individual e con independencia do regulado en Convenio, aceptar a xornada de 65 horas. Eles saben perfectamente que a chantaxe dos empresarios será condicionar a sinatura do contrato a que se acepte a ampliación da xornada.
Ruptura da negociación colectiva
Para a CIG resulta inadmisíbel que a Unión Europea pretenda suplantar a negociación colectiva, instrumento fundamental do que gozan os traballadores para a consecución de melloras salariais e laborais, por un modelo negociador bilateral entre o empresario e o traballador. Este pacto individual estenderíase por sectores con grandes índices de precariedade, nomeadamente, nos servizos.
O aumento da xornada semanal até as 65 horas flexibilizará e precarizará aínda máis as relacións laborais e xeneralizará as xornadas abusivas, aspecto que, ademais, aumentaría a sinistralidade, elevadísima xa de por si. Esta medida tamén dificultaría enormemente a conciliación da vida familiar e laboral.
Por tanto, semella que esta é a receita da UE para paliar a crise económica e o desemprego: reducir os salarios dos traballadores e aumentar a súa xornada laboral.