marco
Vigo, 11/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Mocidade de Vigo inicia o domingo, cunha concentración, a campaña “Racha co consumismo, tamén é explotación laboral"

Será de 17.30 a 19.30 diante do Centro Comercial Gran Via
A CIG-Mocidade de Vigo ten este domingo 13 de novembro a primeira das concentracións contra o consumismo e a explotación laboral no Nadal, que realizarán de 17.30 a 19.30 diante do Centro Comercial Gran Via. Esta mobilización está enmarcada dentro da campaña "Racha co consumismo, tamén é explotación laboral", que comezaron coa pegada de carteis e que continuarán con tres concentracións os domingos que abren as grandes áreas comerciais neste mes de decembro.

Comezaron esta campaña coa pegada de máis de 400 cartaces na cidade de Vigo co lema "Racha co consumismo, tamén é explotación laboral, que anexamos xunto a esta convocatoria, e que quere por de manifesto a outra faciana da voracidade do consumismo no Nadal que é a explotación laboral, xa que neste mes, co aumento do consumo nas grandes áreas comerciais, estas reforzan o seu persoal cun importante número de traballadoras/es (en calquera importante comercio supéranse facilmente os 100 novos contratos), que na súa maioría son mozas e mozos con contratos precarios e a baixo custe.

Contratos en precario a mozas/os

Salientan nesta campaña o papel dos "contratos de fin de semana", e as xornadas que ten o persoal destas áreas comerciais nestas datas, que é de luns a domingo sen ningún dia de descanso semanal, traballadoras/es que poden chegar a enlazar duas e mais semanas sen descansos, e os dias de descanso correspondentes son postos aleatoriamente pola empresa. Tamén critican os baixos salarios que teñen estas empregadas/os, aínda que nestas datas sexan forzados a traballar a ritmos moi superiores aos que desenvolven ao longo do ano.

Chamamento a non mercar en domingos e festivos

Asi, desde a CIG-Mocidade chaman á non realización de compras os domingos e festivos, e "a deixar de pasear aos centros comerciais como se isto fora lecer".

Aposta polo consumo responsábel

Desde este colectivo de mozas e mozos da central sindical nacionalista apostan por "facermos do consumo responsábel e razoábel unha parte importante da loita da clase traballadora e de rachar con este modelo de consumo que só pretende o continuísmo do capitalismo, único responsábel da crise na que as traballadoras e traballadores somos a ser os mais prexudicados".

Máis mobilizacións

Ademais da concentración do domingo 13, mobilizaranse o dia 20 diante do Corte Inglés, de 17.30 a 19.30, e o 3 de xaneiro diante do Alcampo de Coia, co mesmo horario.

Nestas concentracións repartiran máis de tres mil follas informativas que rematan preguntando: "Non es feliz se non mercas? Deixa ser feliz ás traballadoras e traballadores".