marco
Vigo, 11/2/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Delegados/as da CIG e traballadores da construción da provincia de A Coruña concentráronse nas obras do AVE da cidade herculina.
Na zona de Pol, nas obras do AVE máis accidentadas do noso país, tamén se conseguiu entrar dentro da zona de traballo.
Os delegados e delegadas da construción da CIG en Lugo conseguiron paralizar a actividade das obras nun dos tramos da Pobra de San Xulián.
Xoan Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción.
As persoas que participaron na concentración foron fotografas polos xornalistas e tamén polos responsábeis da obra.

A CIG-Construción denuncia o incumprimento da lexislación laboral nas obras do AVE con accións nas catro provincias galegas

Exceso de xornadas, mal pagadas e sen saúde laboral
A CIG Construción realizou o mércores 11 de febreiro unha xornada de accións simultáneas nas catro provincias galegas, sinalando o incumprimento “sistemático” da lexislación laboral en todo o que ten a ver coas xornadas, salarios e medidas de seguridade, entre outras cuestións. Asi, en Lugo, Ourense e A Coruña delegados e traballadores do sector entraban nas obras da maior infraestrutura pública que se está a facer no noso país, o AVE, para criticar que nin tan sequera a propia Administración central faga cumprir o convenio. Na provincia de Pontevedra, no tramo de Redondela, máis de 120 delegados, traballadores do sector en desemprego e representantes sindicais foron acordonados por dotacións de Policias antidisturbios, que non lle permitiron achegarse nin ás portas destas obras ao seu paso por Redondela, pola presenza da Vicepresidenta do Goberno español, María Teresa Fernández de la Vega.
Na zona das obras do AVE de Redondela realizouse a acción da provincia de Pontevedra, que se concretou nunha concentración custodiada polos antidisturbios, pola presenza da Vicepresidenta do Goberno nunha inauguración nese tramo.

O secretario nacional da CIG-Construción, Xosé Xoan Melón, explicou que tanto as xornadas como os salarios fixados no convenio se están a vulnerar de "forma sistemática". Melón salientou que mentres a xornada ordinaria que establece o convenio é de oito, moitos destes traballadores nas obras do AVE fan quendas de dez e doce horas.

"A Administración é a primeira que debería estar interesada en que se cumpriran as condicións acordadas, primeiro porque o exceso de horas se paga en negro e son cartos que non entran a cotizar, y segundo, porque moitas das obras nas que se produce esta situación son públicas", subliñou o secretario nacional da Federación da Construción da CIG.

Sobre a cuestión salarial, Melón anotou que "as empresas pactan salarios moi por debaixo do acordado e pagan por hora, malia a que o convenio establece que hai que pagar por día ou por mes".

Campaña en marcha e con continuidade

Melón adiantaba que "esta campaña que iniciamos pola defensa do cumprimento do convenio, para que se reparta o traballo que hai no sector e rematar coas xornadas abusivas e a vulneración dos nosos convenios, non remata aqui, senón que vai ser unha campaña permanente coa que continuaremos, e imos continuar até que a máis de un se lle poña a cara vermella e se modifique a actual situación de desprotección do sector".

Concentración retida pola Policia en Redondela

O secretario nacional da CIG-Construción participou na acción que desde esta federación se realizou en Redondela, onde máis de cen delegados do sector, traballadores da Construción no desemprego e representantes sindicais, querían achegarse até as obras do AVE que hai nesta zona, para facer chegar as súas denuncias e reivindicacións.

Como esta acción coincidiu coa inauguración da vicepresidenta del Gobierno, María Teresa Fernández de la Vega, da excavación dun túnel das obras do AVE nesta zona, seis furgonetas de antidisturbios cortaban o paso a estes traballadores e traballadoras a máis de cincocentos metros da entrada principal da obra.

Un cordon policial rodeou en todo momento aos traballadores, aos que se lles negou calquera posibilidade de achegarse máis, polo que se mantiveron nunha beira da estrada, na que tiveron que permanecer até que a Vicepresidenta abandonou as obras.

Asi, Alberte Fernández, secretario comarcal da CIG-Construción na comarca de Vigo, lamentou que "na comarca de Vigo non puideramos realizar esta acción como nos queriamos, porque a policia nos impediu o acceso á obra, pero si que queriamos sinalar á Administracion central como principal contratista, que tería que velar polo cumprimento da lexislación, e no lugar diso está máis preocupada no cumrimento de prazos das obras que teñen máis que ver con rifirafes politicos que con necesidades reais do país". Alberte Fernández enumerou algúns dos incumprimentos que se están a realizar "en prevención de riscos laborais, axústanse xornais por horas, hai un exceso escandaloso de horas extras nun momento no que escasea o traballo, asi como os alarmantes niveis de subcontratación e precariedade que continúa a ter este sector".

Na Coruña, "desapareceron os obreiros"

A concentración da CIG-Construción na provincia de A Coruña tivo lugar nas obras do AVE que se están a desenvolver na propia cidade de A Coruña, na zona do Polígono de A Grela-Bens. Á mobilización asistiron uns sesenta delegados e algún traballador do sector en paro, que, para a súa sorpresa, se atoparon cunhas obras nas que desaparecen os operarios e se suspendera a actividade.

O responsábel comarcal de construción, Vitorino Ares, valorou positivamente a concentración, xa que nela participaron delegados sindicais que representan ás distintas empresas que operan no sector. Non obstante, destacou que na obra escollida para a mobilización non hai representación sindical, nin comité de seguridade e saúde laboral. Ares tamén reclamou á administración que se faga cumprir o convenio nas obras pública da provincia "inmediatamente".

Asemblea e paralización das obras do AVE en Lugo

Pola súa banda, na provincia de Lugo a acción levouse a cabo tamén nunha das obras do AVE no tramo de Pobra de San Xulián, onde os delegados da CIG se concentraron durante 45 minutos. A mobilización desenvolvese sen incidentes, a pesar da presenza da Garda Civil no lugar, chegando a paralizarse a actividade dos obreiros, que acudiron a unha asemblea na que se lles explicaron os motivos das protestas.

Antón Niño, responsábel da CIG-Construción de Lugo, destacou que só nesta provincia hai rexistrados máis de 3.000 desempregados do sector, aumentando no último ano o paro na construción nun 47,8%.

Contra o exceso de xornada na zona máis accidentada do AVE, en Ourense

Na zona de Pol, onde no pasado verán perdeu a vida un traballador, concentráronse perto de corenta delegados e entraron nesta zona das obras do AVE, na que despregaron unha faixa, e onde permaneceron máis dunha hora, na que trasladaron o problema xenérico que se denunciaba nestas accións en todo o país, pero que como indicaba Xan Losada, secretario da CIG-Construción en Ourense, "neste punto trabállanse doce horas, festivos, fins de semana, días de convenio, e até temos rexistrado denuncias de traballadores que chegaron a facer 18 horas neste tramo".

Losada reclama que se abra unha mesa de negociación "como xa pediramos que se abrira cando tivo lugar o accidente do verán, para facer un seguimento sobre o que está a acontecer nestas obras, para evitar estes excesos, que son todo un risco para a saúde dos traballadores, e ademais non se lles está a pagar correctamente". Nese sentido, o secretario comarcal da CIG-Construción de Ourense informou dunha sentenza favorábel para un traballador subcontratado ao que a empresa principal tivo que compensar con 8.000 euros por exceso de xornada.

Máis imaxes

Podedes acceder a máis imaxes destas accións clicando na nosa galería gráfica.