O persoal do servizo de emerxencias concentrouse diante do Pazo de Congresos de Compostela, onde o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acompañado doutros membros do goberno participaba nunhas xornadas. A mobilizacións daba continuidade á protesta desenvolta no día anterior en Vigo, a onde se trasladaron para “asistir” á inauguración da Cidade do Mar.
A campaña responde ao acordo tomado pola asemblea de traballadores/as no que se decidiu acudir a todos os actos públicos nos que estean presentes o conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, e Pérez Touriño, como responsábeis últimos do servizo 112 e da situación dos contratos na Xunta.
Dende o CAE 112 agardan que a administración reconsidere a súa posición e permita avanzar na negociación das condicións laborais de todo o persoal. Até o momento existen acordos totais nalgunhas cuestións e principios de acordo noutros temas coa empresa concesionaria do servizo de emerxencias. Non obstante, o principal punto que provoca esta parálise atópase na posibilidade da subrogación do persoal, unha cuestión á que a empresa está disposta a acceder pero que non asinará formalmente até que a Xunta dea o visto bo.
Por este motivo, as mobilizacións continuarán até lograr un compromiso firme por parte da administración galega que permita avanzar na mellora da condicións laborais de todo o cadro de persoal do CAE 112.