Así o explicaron o secretario xeral da CIG, Suso Seixo e o portavoz nacional do BNG Guillerme Vázquez, que compareceron en rolda de prensa para dar conta das conclusións deste encontro.
Suso Seixo denunciou que nestes momentos, lonxe de intentar adoptar medidas que vaian a solucionar as causas que provocaron a crise económica, desde o goberno central estase a derivar a atención responsabilizando ao mercado laboral polas súas supostas “rixideces” e os salarios, “que deben ser extraordinarios” como se foran os causantes da crise.
A este respecto, Seixo lembrou que o peso dos salarios no PIB vén caendo ano tras ano, e con el a capacidade adquisitiva das/os traballadoras/es que se viron abocados a contraer débedas para poder consumir. Un sacrificio que permitiu aos empresarios incrementar os seus beneficios e dirixilos cara o sistema financeiro e especulativo no canto de investilos na economía produtiva.
Fronte a isto, Seixo apostou por controlar os movementos especulativos de capital, promover a desaparición dos paraísos fiscais, encetar unha reforma do sistema fiscal para garantir a súa progresividade, incrementar os impostos sobre o capital e sobre as rendas máis altas e favorecer unha política de crecemento dos salarios. Lembrou ademais que a CIG defende a necesidade de contar cunha banca pública e cuns sectores enerxético e de telecomunicacións tamén públicos. Propostas recollidas no documento “Políticas alternativas fronte á crise”, que a CIG vén de presentar e que foi entregado á Executiva do BNG.
A falacia da creba do sistema de pensións
O secretario xeral da CIG denunciou tamén a recorrida falacia da creba do sistema de pensións. “Unha creba da que levan anos alertando”, dixo, e que non só “non se produciu, nin se vai producir senón que mesmo hai superávit e máis recursos públicos que nunca”. Coincidindo con esta campaña, alertou da posta en marcha doutra iniciada polas entidades financeiras para atraer aos traballadores/as cara os seus plans de pensións privados.
Do mesmo xeito, advertiu das intencións de abaratar o despedimento coa aportación de recursos públicos para as indemnizacións e de centralizar os convenios para que sexan acordados en Madrid, entre as cúpulas sindicais de CCOO e UGT e a patronal, eliminando os convenios intermedios.
Seixo pediu explicacións a CCOO e UGT respecto das ataduras que teñen coa patronal e o goberno para chegar a asinar un acordo que implica que "nos próximos tres anos os traballadores/as teñen que perder poder adquisitivo", sen a garantía de que logo se vaia a recuperar, nin de que os cartos que se aforran os empresarios vaian a mellorar o tecido produtivo e non para alimentar de novo o circuito financeiro e especulativo.
Por todo isto, explicou, a CIG vén de iniciar unha campaña de mobilizacións que culminará o 10 de marzo con manifestacións en todas as cidades de Galiza.
Por un novo modelo socioeconómico
Pola súa banda o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, salientou o oportuno que era este encontro e denunciou a incapacidade ou falla de vontade para impor regras e apostar por políticas que permitan camiñar cara un novo modelo socioeconómico fronte o actual modelo especulativo.
Vázquez apostou por unha economía autocentrada na que se garantan os dereitos laborais e salariais e un máis equilibrado reparto da riqueza, fronte o modelo que se está a impor desde a UE, que pretende a estrita aplicación das regras de Maastrich e que implica controlar o déficit público e, en consecuencia, o gasto púbico, e afondar nos recortes dos dereitos dos traballadores.
O portavoz nacional do BNG responsabilizou ao goberno galego da actual situación, porque “está ausente”, dixo, e “non adopta medidas malia ser esta a principal preocupación dos galegos e galegas” e exixiu, unha vez máis o apoio aos nosos sectores produtivos “sempre esquecidos polos gobernos estatal e galego”, nomeadamente o sector lácteo, o sector pesqueiro e o sector naval. Ademais, respecto deste último reiterou a demanda de que se levante o veto para que os estaleiros de Ferrol poidan acceder á construción naval civil.
Guillerme Vázquez reiterou a defensa do BNG dos sectores públicos, nomeadamente do ensino, a sanidade e os servizos sociais e denunciou a intención do goberno central de favorecer a absorción das caixas galegas por caixas foráneas, que é o que se agocha tras do recurso presentado contra a Lei de Caixas aprobado polo Parlamento de Galiza.
Tanto o secretario xeral da CIG como o portavoz nacional do BNG manifestaron a súa satisfacción polos resultados do encontro e por compartir tanto o diagnóstico como as vías de solución e apostaron por manter aberta esta liña de contactos entre as dúas organizacións nacionalistas.