Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Correos denuncia a crítica situación da entidade diante do proceso de liberalización do sector postal decretado pola UE

A central tiña intención de convocar unha concentración con motivo do Consello de Ministros en A Coruña, que foi denegada pola Subdelegación
Con motivo do Consello de Ministros europeo que se vai celebrar na cidade de A Coruña, a CIG-Correos tiña intención de levar a cabo unha mobilización nacional para denunciar a actual situación do ente, derivada das directivas da UE que obrigan aos estados membros a liberalizar o mercado postal. Non obstante, a Subdelegación denegou o dereito á concentración, alegando que estaba na zona de seguridade. Dende a CIG-Correos denuncian que no proceso privatizador, o Goberno abandonou a defensa de Correos como un servizo público, sen preocuparse da calidade do servizo nin de prepara á entidade para a competencia.
Carteiro de correos de reparto

A continuación reproducimos o comunicado feito público pola CIG-Correos:

Dende a CIG Correos queremos poñer en coñecemento da cidadanía que por parte da Subdelegación do Goberno da Coruña denegóusenos o dereito a concentrarnos diante da sede central de Correos na Coruña para este venres, alegando que estaba dentro da zona de exclusión que por motivos de seguridade estableceron de cara ao Consello de Ministros Europeo que se vai celebrar no Palexco ese mesmo venres día 12. 

O principal motivo desta concentración que tiñamos previsto facer todos os delegados da CIG de Correos de Galiza era para denunciar a actual situación de Correos que nace precisamente a raíz da Directiva 67 da Comunidade Europea de 1997, pola que se obriga os estados membros a empezar o proceso liberalizador do mercado postal, un proceso que de momento non rematou, pero que ten en principio como data tope primeiros do ano que ven.

Se ben este foi o primeiro paso, logo veu a trasposición da directiva á normativa dos estados da Unión, no caso de España coa aprobación no parlamento da Lei Postal, que a CIG asumiu por garantir o reparto diario e por ser a menos mala que se podía aprobar logo de estar obrigada a seguir o marcado pola citada Directiva Comunitaria.

As diferentes directivas comunitarias que foron modificando a mencionada anteriormente así como as modificacións que supuxeron na Lei Postal ao trasposicionalas ao Estado Español foron cada vez estreitando as marxes do monopolio postal e abrindo máis o campo para que se asentaran as empresas privadas no mercado postal.

Non tendo suficiente co establecido polas directivas europeas nin polos períodos de tempo marcados por estas, os sucesivos gobernos do Estado Español presididos no seu día por Felipe González, Aznar ou agora Zapatero tiveron sempre moita presa por destacar a súa vontade privatizadora e liberalizadora do mercado postal, facendo todo cando puideron para adiantar o proceso, xa de por si traumático, para Correos e deixando de lado a defensa de Correos como un servizo público e sen preocuparse o mais mínimo da prestación dun servizo de calidade nin tampouco por ir preparando a Correos para a competencia.

Neste último período cabe sinalar a promulgación de dous Reais Decretos polo Consello de Ministros, unha maneira de colar pola porta falsa este goberno aquelas cuestións conflitivas que darían moitos problemas se se levaran ao parlamento, estamos a falar dos R/D de Entornos Especiais e máis do R/D de Acceso a Rede Postal Pública, que non veñen senón reducir o dereito dos cidadáns a recibir a correspondencia nos seus propios domicilios. Dende a CIG este R/D levounos á rúa no 2008 e de momento esta paralizada a súa implantación aínda que non conseguimos que desaparecera, que era a nosa intención. No caso do uso da Rede Postal estamos a falar que calquera operador poida utilizar as redes de Correos, o que de cara á competencia deixa a Correos nunha posición de partida moi desfavorable.

Así nestes últimos anos as inversións de Correos reducíronse drasticamente porque as súas principais fontes de ingresos víronse mermadas: por un lado coa crise tan acentuada o volume de negocio reduciuse e por outro a achega lóxica que os presupostos xerais do Estado destinan a Correos foron minguando bruscamente. Por se fora pouco o diñeiro co que se ten que compensar a Correos por ser o prestador do Servicio Postal Universal, (non esquezamos que facer chegar a correspondencia a todos os recunchos a un módico prezo, non é rendíbel e hai que compensalo) pois esa compensación esta moi por debaixo do custo real.

A pesar de todas as trabas postas polas Directivas Comunitarias e polos distintos Gobernos de España, se Correos estivera xestionada por profesionais responsábeis, non estaríamos falando a día de hoxe desta situación tan preocupante, pero por desgraza de todos, empregados/as e usuarios/as dos servizos, a dirección de Correos sempre foi un brazo inútil da administración que os gobernos non tiñan onde colocar e remataba de Director Xeral ou agora de Presidente da Sociedade Estatal.

Esta desidia que se ía transmitindo de superiores a subordinados foi contaminando a clase dirixente desta empresa até o extremo que, a pesar dos múltiples cambios que se fixeron e por máis cambios de rumbo que se ensaiaron, non foron capaces de facer que Correos levantara cabeza como cabía esperar dunha empresa que gozaba da confianza dos usuarios, cun mercado potencial en constante crecemento, cunhas infraestruturas adecuadas e modernizándose con tecnoloxía punteira e sen competencia que puxera en perigo a súa cota de mercado.

As presas para solucionar os problemas sempre chegan cando se lle ven as orellas o lobo, e daquela, soe ser demasiado tarde.

O primeiro exercicio que esta empresa como moitas outras, fai para reducir custos e mellorar resultados vai encamiñado a reducir custos de persoal. Este despropósito leva consigo a perda da calidade do servizo que se presta á sociedade, a perda dos dereitos dos traballadores/as, e o empeoramento das condicións de traballo e sobre todo a redución de emprego.

De cara a este ano teñen previsto que non se cubran as xubilacións e reducir a contratación nun 80%, isto vai representar que uns traballadores/as ademais de levar as súas zonas de reparto ou de atender ao seu posto de traballo, van ter que asumir unha parte ou todo o que fai o compañeiro/a que falta. Se a día de hoxe non se están cumprindo as garantías que esixe tanto a normativa europea como a estatal no relativo á calidade no reparto, cando se dean as circunstancias antes, ditas a calidade brillará pola súa total ausencia. Os problemas loxicamente acentuaranse cando se achegue o período vacacional pois ao absentismo sen cubrir haberá que sumarlle o persoal que estará de vacacións e que non se substitúa.

Relatada a problemática que envolve a Correos a nivel político-institucional, tamén temos que dicir, que os sindicatos de Correos, aqueles que teñen representación a nivel estatal e sobre todo CCOO, como máis representativo tamén tivo a súa parte importante de culpa na nefasta xestión levada a cabo pola dirección de Correos durante estes últimos anos ao darlle o visto bo convenio tras convenio, acordo tras acordo; ratificándoos coa súa firma, en busca dun protagonismo e dunha privilexiada situación dentro da empresa da que se veu favorecido.

Dende a CIG sempre pulamos por un Correo Público Galego, porque entendemos que o servizo de Correos é algo necesario para vertebrar Galiza e para facer que o mundo rural non se sinta discriminado e se revitalice. Así mesmo as nosas demandas pasan por un marco de relacións laborais propio en Galicia onde se negocie o que realmente preocupa os traballadores e traballadoras galegos/as.

Temos por todo o aquí dito que denunciar a falta de sensibilidade dos gobernos neoliberais que buscando unha xustificación barata, trasladan os ser vicios públicos como Correos ata os campos da especulación onde rematan por afundirse na miseria do capitalismo e das multinacionais sen preocuparlles o mais mínimo a garantía da prestación do servizo, porque os que poñen para velar desas garantías son os mesmos lobos que matan o rabaño. O perigo real para estes lobos vai chegar cando desapareza o rabaño pola súa culpa.

Nin que dicir ten que pola nosa parte, como CIG Correos vamos seguir loitando polos dereitos dos traballadores, pola mellora das súas condicións laborais, e non vamos permitir de ningunha maneira que un colectivo de negados trate de facernos responsábeis da situación da empresa e pretenda resucitala a costa única e exclusivamente do sacrificio dos traballadores e traballadoras, sen que se lle esixan responsabilidades a cargo algún nin dentro da propia empresa (Correos) nin aos políticos que lles permitiron  aos responsábeis de Correos chegar a esta situación e en realidade verdadeiros culpables do que pasa. OU TAL VEZ FORON MERECEDORES DAS CORRESPONDENTES MEDALLAS POR CUMPRIR COS DESEXOS DOS POLÍTICOS DE TURNO PARA ACELERAR O PROCESO LIBERALIZADOR - PRIVATIZADOR?

cig.prensa@galizacig.com