Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Ensino promove escritos ao conselleiro de Educación pola pretensión de suprimir as axudas para estadías no estranxeiro

A Federación reclama que se restabelezan os intercambios pola súa utilidade para a aprendizaxe das linguas
A CIG-Ensino está promovendo escritos dos centros aos consellos escolares e claustros de profesores para que a Consellaría de Educación manteña as axudas ao alumnado para poder participar en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorecer a aprendizaxe activa das linguas.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao Rodríguez, envioulle, hoxe 11 de febreiro, unha carta ao Conselleiro en que expresaba que “Con esta decisión, a Consellaría pon de relevo, novamente, a súa desconsideración co traballo dos centros escolares, pois adopta, unilateralmente, unha decisión que prexudica os centros sen lles comunicar estes cambios en ningún momento. Por outro lado, é un novo desprezo cara ao profesorado, ao facer irrealizábeis proxectos de intercambio desenvolvidos con moito esforzo e que se veñen facendo desde hai moitos anos, nalgún caso co recoñecemento de premios á actividade”.

Sinalou, ademais, os prexuízos que esta decisión supón para os centros educativos, posto que “estaba estabelecido que, para solicitar estas axudas, os centros tiñan que presentar un proxecto pedagóxico da viaxe que incluía os obxectivos e as actividades a realizar, tanto no seu centro como no centro receptor, amais de integralo na programación anual do curso. Tamén debería saber que moitos centros xa teñen realizados os preparativos do intercambio, incluídas as reservas da viaxe, datas do intercambio, programa de actividades, etc. Estes intercambios, Sr. Conselleiro, aínda que insuficientes, facían posíbel a participación de alumnos e alumnas que dificilmente ou nunca poderán optar a esta inmersión lingüística.”

Finalmente, Anxo Louzao, exixiulle á Consellaría que “restabeleza estes intercambios e estadías por seren útiles para a aprendizaxe das linguas e estaren organizados e proxectados polos centros; do contrario,  se nos atemos aos beneficiados no ano pasado, estaría desprezando o traballo do profesorado de 73 centros e desconsiderando  a formación de  1517 alumnos/as”.

Documentos
11-02-2010 CARTA CONSELLEIRO MANTEMENTO AXUDAS ESTADÍAS.pdf
cig.prensa@galizacig.com