O acto, que tivo lugar este 11 de marzo, contou coa participación de representantes sindicais e destacados persoeiros de organizacións políticas, culturais e sociais do País. O Secretario Xeral, Suso Seixo, que foi o encargado de entregar o premio aos delegados/as de Atento, destacou a difícil situación que se vive no sector do telemárketing e as continuas loitas en defensa do emprego e polo estabelecemento dunhas condicións dignas que se viñeron rexistrando durante o ano pasado. “Este premio quere distinguir a labor de traballo da CIG nun sector no que se dan condicións realmente precarias”, afirmou.
Pola súa banda, Dolores Sánchez e Juan Carlos Brañas, delegada e delegado da central en Atento, agradeceron o recoñecemento ao traballo desenvolto nos cinco anos de existencia “dunha sección sindical moi nova, pero que foi unha das primeiras en constituírse neste sector”. O sector do telemárketing rexistrou durante o pasado ano ducias de despedimentos con motivo do traslado das oficinas das empresas, ao tempo que é un dos sectores con maiores taxas de temporalidade e precariedade. No caso de Atento, a firma pretendía trasladar dende A Coruña a León a 27 empregados/as; traslado que os tribunais impediron. De igual xeito, esta mesma semana Eurocen anunciaba o peche dun departamento en A Coruña, que ocupa a 450 persoas.
A loita pola defensa da clase traballadora
Os traballadores e traballadoras de Cedonosa (Catoira), Ingemarga (Guitiriz) e das plantas de Ferroatlántica de Cee, Sabón e Serrabal foron outros dos homenaxeados nesta III edición do Premio do Día da Clase Obreira Galega. O persoal destas tres empresas protagonizou importantes conflitos durante o ano pasado, aínda que por desgraza, con desigual resultado. Ramón Conde, delegado en Cedonosa, é unha clara mostra dos tempos de crise que vivimos. Conde quixo destacar que “despois de 35 anos traballando, esta mañá por primeira vez tiven que solicitar as prestacións sociais”, aínda que amosou a forza que lle queda: “non son un parado, porque cada día que estea desempregado vou carrexar unha pedra para construír un castelo para defender a clase obreira”.
Pola súa banda, os delegados de Ingemarga mencionaron os 10 duros meses de loita “tras dos que gañamos unha batalla e co apoio da CIG esperamos gañar a guerra”. Referíanse ao despedimento de 30 traballadores en 2008 como represalia por negárense a traballar na sección de serra durante as fins de semana, e que finalmente a empresa tivo que readmitir logo de que a xustiza declarara improcedentes estes despedimentos.
Aínda que non puideron asistir ao acto os delegados de Serrabal, Roberto Castro, José Manuel Rama e Manuel Leira, das seccións sindicais das plantas de Ferroatlántica en Cee e Sabón lanzaron unha chamada de atención aos políticos “que se esquecen da clase traballadora cando chegan ao poder, pero teñen que ter que ben claro que sen a clase traballadora nunca poderán chegar ao poder”. O conxunto dos traballadores destas plantas mantiveron un dos conflitos máis duros vividos o pasado ano.
A batalla até o final
Suso Seixo quixo agradecer especialmente o esforzo de todos os compañeiros e compañeiras e recoñeceu “que non sempre é fácil ter a valentía de defender nas empresas un proxecto como o da CIG nos tempos que corren”. O Secretario Xeral lembrou a reunión mantida esta mesma semana co futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen avogou pola interlocución e o diálogo, aínda que “sorprendentemente, ao remate da xuntanza preguntou a cada un dos alí presentes que íamos contar aos medios”, ao tempo que deixaba dito que el só informaría de tres dos puntos tratados. “Este é o talante co que nos imos topar”, subliñou Seixo.
A respecto da cuestión da lingua o Secretario Xeral atacou as declaracións do PP contra o decreto do galego no ensino e as súas ameazas cara ao idioma, reclamando que non se tomen medidas contra da normalización, ao que o futuro presidente da Xunta de Galiza respondeu que hai que construír unha Galiza moderna, competitiva “e iso faise co inglés". “Sabemos perfectamente o que defende e representa o PP e non manteremos unha postura de sumisión e servilismo, imos dar a batalla até o final”.
Organizacións convidadas
No acto participaron tamén representantes das seguintes organizacións e entidades:
- Consello Galego de Relacións Laborais
- Asociación Socio-Pedagóxica Galega
- Asociación Galega de Historiadores
- Fundación Alexandre Bóveda
- Organización Galega de Comunidades de Montes.
- Fundación Bautista Álvarez
- Fundación Castelao
- Fundación Galiza Sempre
- Bloque Nacionalista Galego
- A Mesa pola Normalización Lingüística
- Asociación de Editores en Lingua Galega
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Frente Popular Galega
- Comités
- Movemento polos Dereitos Civís