Máis de 250 traballadores e traballadoras da rede de oficinas de Caixa Galicia en A Coruña acudiron na tarde do mércores á asemblea informativa convocada pola sección sindical da CIG para avaliar as consecuencias da posíbel fusión das caixas galegas e concretar mobilizacións. A resposta masiva da boa conta da situación incerta na que os empregados e as empregadas da entidade financeira se atopan diante dun futuro aínda non definido.
Ao igual que acontecera na asemblea celebrada en Lugo o pasado martes, o persoal reclamou, unha vez máis, que José Luis Méndez López “dea a cara e informe á representación sindical da situación da empresa e das alternativas de futuro”. A este respecto, dende a sección sindical da CIG sinalan que existe preocupación entre os traballadores/as polas noticias da prensa que falan de contactos da Dirección con Caja Madrid, pois a fusión/SIP con esta entidade tería graves repercusións sobre o emprego e levaría ao peche dos servizos centrais na Coruña.
Diante deste panorama, no decurso da asemblea acordouse realizar unha concentración de todo o persoal de Caixa Galicia e Caixanova para o martes 23 de marzo diante da delegación do Goberno en A Coruña ás 19:00 horas. As mobilizacións realizaranse de xeito simultáneo na Subdelegación do goberno en Lugo e Ourense ás 19:00 horas e diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo tamén ás 19:00 horas.. O día 16 de marzo está prevista unha asemblea do persoal das dúas Caixas en Vigo e o 17 de marzo en Ourense.
Máis información na web da sección sindical