A continuación reproducimos a nota remitida pola sección sindical:
A Sección Sindical da CIG-Saúde no Complexo Hospitalario Xeral-Calde ve con crecente preocupación como, a medida en que as novas Direccións de Persoal do Complexo se van instalando nos seus cargos, empezan a tomar medidas que afectan tanto á organización como ás condicións de traballo, sen informar nin dialogar en absoluto coas organización sindicais que ostentan a representación legal do persoal afectado.
Deste xeito, tanto medidas que empezan xa a facerse efectivas, como modificacións dos cadros do persoal de Enfermería, como outras que se propoñen para o Novo Hospital e que modificarían substancialmente a actual organización do traballo, o posíbel peche de camas neste vindeiro verán (presumibelmente maior do que viña sendo habitual), etc.; estanse implantando ou deseñando unilateralmente por parte da dirección e pola vía dos feitos consumados. Esta situación está a crear malestar non soamente nesta Sección Sindical, senón tamén entre os traballadores e traballadoras do Complexo, quen ven como non se lles informa nin consulta sobre estas modificacións.
Dende a Sección Sindical queremos advertir a estes novos dirixentes, algún deles importado da canteira madrileña, que non acataremos pacificamente esa política de non dicir o que se pretende pero impoñelo, de ninguneo dos traballadores e dos seus dereitos, e ir “á chita calando” modificando condicións de traballo e organización dos servizos sen consultar nin informar previamente, e pedimos que corrixan xa ese modo de actuar, se queremos que a próxima apertura no Novo Hospital, excelente noticia a pesar de todo, que vai causar de entrada e inevitabelmente certo grao de desorganización, se vexa agravado pola conflitividade laboral motivada polo descontento do persoal.
Lugo, a 11 de marzo de 2010