A continuación reproducimos o comunicado remitido polo Comité de Empresa no que se da conta de todos os feitos acontecidos no centro:
O Comité de empresa da provincia denunciou diante das seguintes persoas e estamentos: Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (actualmente Consellería de Traballo e Benestar), Yolanda Lesmes Romero (Secretaria Territorial da Delegación Territorial da Xunta en Vigo), María del Carmen Bianchi Valcarce (Xefa Territorial de Traballo e Benestar de Vigo, María Peón Fernández (Xefa de Servizo de Coordinación Administrativa), Juan Pedrosa Vicente (Xefe de Servizo de Dependencia), Beatriz Mato Otero (Conselleira de Traballo e Benestar), Odilo Martiñá Rodríguez (Director Xeral de Relacións Laborais) e Coro Piñeiro Vázquez (Directora Xeral de Dependencia da Conselleira de Traballo e Benestar os feitos ocorridos o fin de semana do 27 e 28 de febreiro de 2010, por mor dun incendio ocorrido no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela (Redondela).
Lembrar que para este fin de semana, polas malas previsións do tempo, a Xunta recomendou reforzar os servizos de mantemento nos centros onde existisen. A única medida excepcional que a dirección do CAPD toma é unha nota, no reloxo de fichar, que di “que diante as predicións meteorolóxicas para este fin de semana se evite aparcar os coches cerca do edificio polo risco de caída de tellas”.
O sábado 27 o centro sufriu un corte de enerxía eléctrica que non supuxo grande problema. Co xerador estiveron funcionando dous ascensores.
- Ás 16:00 horas do domingo 28 prodúcese un corte de electricidade e entra en funcionamento o xerador, a ordenanza pon en coñecemento da situación ao director, xefe de Servizos Técnicos (SS:TT: en adiante) e a compañía eléctrica FENOSA. A diferencia do día anterior só funciona 1 dos 4 ascensores.
- Ás 17:00 horas o xerador deixa de funcionar e todo se apaga. Queda en servizo o ascensor de enfermería que só vai ata a 1ª planta. Non hai megafonía. En cociña non funciona nada.
- A esta hora o persoal da 1ª planta estaba baixando aos residentes ao comedor para merendar, o fixeron no único ascensor que funcionaba, ao parar o xerador unha coidadora queda pechada no ascensor con 3 residentes en cadeira de rodas.
A ordenanza volve a chamar, tanto ao xefe de SS.TT. como ao director do centro. O director di que xa SS.TT. o solucionará. A ordenanza notifícalle que hai 4 persoas pechadas no ascensor. Un coidador saca as persoas atrapadas.
É difícil describir o momento de caos que se xerou no centro, lembremos que este é un centro con persoas discapacitadas, moitas delas en cadeiras de rodas. Os traballadores/as, organizaron o traballo no centro sen contar coa axuda dos responsables do centro, máis concretamente co director: Manuel García Cendón.
- FENOSA ven e informa que a avaría é do centro e non deles.
- Vólvese a chamar por teléfono os responsables do centro, unha vez máis. Por parte dos responsables dos SS.TT. din que xa avisan á empresa de servizos EULEN. O director di que xa SS.TT. está solventando o tema.
- Ás 18:00 horas comeza a sonar unha alarma de fogo en cociña. Compróbase que en cociña non pasa nada, pero a alarma sigue soando. Vólvese a comprobar a cociña, non habendo ningún problema.
Chega a persoa enviada pola empresa concertada EULEN. Se lle informa do acontecido. Expresa que pode ser falta de gasóleo do xerador.
O persoal que baixa polas escaleiras xerais advirten dun forte cheiro a queimado na zona dos ascensores. O fume sae pola parte superior dunha porta denominada “grupo de presión”. Compróbase por unha ventá, deste cuarto, que todo está cheo de fume, decídese chamar aos bombeiros. Actívase o 112.
- Ás 18:30 horas chegan os bombeiros. Ordenan que se pechen todas as ventás e portas das plantas superiores e que os presentes abandonen a zona. Ao abrir a porta o fume esténdese por toda a planta baixa, facendo difícil a respiración, polo que as persoas teñen que saír ao exterior do centro, avisando antes ás plantas que poñan toallas molladas nas portas que comunican coas escaleiras. Despois os bombeiros ordenan abrir todas as portas para que se disipe todo o fume.
Chega tamén a policía, solicitan información, falan cos bombeiros, cunha educadora e coa ordenanza e vanse.
O mando da cuadrilla de bombeiros pregúntalle á ordenanza polo responsable do centro e onde se atopaba este. Indica que necesita o seu nome, DNI e domicilio. O ordenanza da os datos non estando presente o responsable que é o director.
No cuarto incendiado había grande cantidade de papeis, cartóns, una padiola, andadores... que é unha irresponsabilidade, dende o punto de vista da prevención, telos nese cuarto.
O responsable da empresa EULEN, informa que a avaría é grande e que necesita a presenza dalgún responsable para darlle unha solución temporal.
Con esta información o persoal se organiza para poder dar de cear aos residentes, aproveitando a luz do día para deitalos, porque no hai luz nas habitacións, nin nos corredores, nin nas escaleiras, ni no comedor.
Con absoluta colaboración, profesionalidade e boa vontade de todos os colectivos organizase o traballo. Ás 19:00 horas sóbense en carriños as ceas á 1ª planta.
- Ás 19:30 horas o director fai aparición no centro, cando todo está controlado, diríxese ao traballador da empresa EULEN. Van ver o xerador. Pese as dificultades dáselle a cea aos residentes.
- Ás 20:00 horas chega ao centro o xefe de SSTT. A maioría dos residentes xa están deitados. O persoal empregou os seus teléfonos móbiles para iluminarse no seu traballo cos residentes.
- Ás 20:20 horas o xerador funciona. Repararíase a avaría, definitivamente, aos día seguinte.
Cabe destacar que en ningún momento, o director se interesou polo estado dos residentes, nin de como organizara o persoal no seu traballo, nin resolto distintos problemas xurdidos. O mesmo, nin tan sequera entrou no centro, máis alá de recepción. Non se dignou en falar, nin con enfermería, ni con cociña, ni con ninguén dos que traballaban no centro esa tarde, tampouco o fixo ao día seguinte.
Cabería esperar que tomase nota das incidencias habidas de cara a elaborar o oportuno informe do grave incidente vivido no centro. Tamén é de esperar que visite os distintos departamentos e informe do incidente, das súas consecuencias e de como quedan as cousas, a par de agradecer ao persoal a súa colaboración en todo momento. E máis a dirección ao día seguinte restou importancia ao acontecido. Estes comentarios e a súa actuación indican, unha vez máis, unha falta de profesionalidade e responsabilidade. Isto debe ser considerado como preocupante nun xestor que ten, ao seu cargo, unha Residencia Pública onde viven 120 residentes discapacitados e un cadro de persoal importante.
Por todo o expresado anteriormente, este comité, dirixiuse aos responsables da Xunta para que esixan responsabilidades á dirección do centro pola tardía intervención e, dado que na evacuación observáronse graves carencias na seguridade do centro, tomen as medidas oportunas. O plan de evacuación non garante a seguridade de residentes e persoal. Creemos que está obsoleto e necesita dunha revisión e posta ao día inmediata. Os MEVOS do centro, parecen non cumprir coa legalidade vixente. A evacuación de usuarios en cadeiras de rodas das plantas superiores faise imposible.
Entendemos que de terse producido uns sucesos de maior calado estaríamos a lamentar unha desgracia. Temos no centro a necesidade de contar con persoal de Servizos Técnicos no maior número de quendas de traballo posible. Demostrouse que da súa intervención inmediata poden depender, en grande medida, o evitar problemas que logo se volven irresolubles e poñen en serio perigo a persoas e danan bens materiais que pagamos todos/as. Estes mesmos días vivimos a imposición dunha carteleira para o ano 2010, por parte da dirección do centro, para o departamento de servizos técnicos, que non cubre os festivos, fin de semana e as tardes. Isto é unha temeridade. Os responsábeis da Xunta, tanto do Departamento Territorial de Vigo como os da Consellería en Compostela teñen que escoitar os argumentos dados polos traballadores/as e o comité de empresa e teñen que impedir a implantación destas quendas de traballo. O ocorrido este fin de semana, do 27 e 28 de febreiro, ven a darnos a razón.
Seguiremos a denunciar a irresponsabilidade dos xestores, quen non interesándose pola seguridade do centro, son un claro exemplo de incompetencia.
En Vigo a 10 de marzo de 2010.