Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 11/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité Interempresas da CRTVG, co respaldo das organizacións sindicais, convoca unha mobilización para o sábado 21 de abril

Baixo o lema “Nin represión, nin manipulación”
O Comité Interempresas, arroupado por todas as organizacións sindicais con representación na CRTVG, compareceu en rolda de prensa para denunciar a política de represión iniciada desde a dirección do ente tras da ocupación das dependencias da TVG por parte de afectados polas preferentes, o pasado 30 de marzo. Ante esta situación, anunciaron a convocatoria dunha mobilización para o vindeiro sábado, día 21 de abril, baixo o lema “Nin represión, nin manipulación”.

Segundo informou o Comité, a dirección da CRTVG abriu un expediente informativo para investigar como se produciu ese día a ocupación das instalacións da TVG, partindo do suposto, segundo se recolle no propio expediente, de que “é imposíbel perpetrar tal desatino” sen a colaboración dos traballadores/as deste medio público.

As entrevistas a traballadoras e traballadores xa comezaron e desde o Comité aseguran que foron precisamente estes, xunto con representantes sindicais, os únicos que saíron a falar cos afectados/as, para coñecer as súas lexítimas reclamacións e manter a súa acción por canles pacíficas.

Entenden que se trata dunha “cortina de fume” da dirección, intentando “culpabilizar” ao persoal e denuncian que, en todo caso, o que houbo foi un fallo no Protocolo de Seguridade.

En representación da CIG, Ramiro Oubiña, tamén considerou que a dirección da CRTVG pretende desviar a atención sobre as razóns polas que se producen este tipo de feitos e que iso é o que se tería que solucionar para que non se repitan.

Neste sentido, lembrou que os afectados pola preferentes se desprazaron ás instalacións da televisión galega, en San Marcos, para denunciar a manipulación informativa da que son obxecto e afirmou que é precisamente o tratamento informativo que da o medio público aos acontecementos o que “xera rabia e frustración” e provoca que se chegue a estas situacións.

Do mesmo xeito, sinalou que os propios traballadores/as da televisión pública, son vítimas da política informativa ditada desde a dirección do ente, cando son recibidos con apupos e berros de “televisión, manipulación”, cando van dar cobertura a determinados actos. “Informacións que van cubrir e que logo, ás veces, nin se emite”.

Para Oubiña, Sánchez Izquierdo e o Partido Popular son os que tiñan que responder ante esta situación, para “tomar as medidas necesarias para que este sexa un medio críbel”.

O representante da Executiva da CIG considerou, ademais, que este é un ataque ás organizacións sindicais a través do ataque aos seus representantes no ente público, que inseriu na campaña de desprestixio posta en marcha pola dereita máis reaccionaria.

cig.prensa@galizacig.com