Xesús Carlos do Río López, delegado de prevención pola CIG en Correos, lembrou que o cambio de local vén forzado por unha denuncia que a central presentou ante a Inspección de Traballo e a posterior manifestación do persoal diante de Correos demandando unha nova oficina que cumprira coa lexislación laboral vixente en materia de seguridade e saúde.
Segundo sinalaron dende a CIG-Correos, a decisión foi comunicada o pasado venres 8 de maio e para tal efecto a Dirección do organismo fixo pública unha solicitude de oferta de arrendamento co pertinente prego de condicións.
“A CIG valora de xeito positivo esta decisión, posto que consideramos que era a única alternativa válida par poñer fin á lamentábel situación na que se atopaba o persoal de Correos” en Pontedeume. “Do mesmo xeito, destacouse que a nova situación garante ao 100 % o servizo” nesta localidade, “servizo que perigaba pola posibilidade de que as autoridades laborais decidiran o peche da actual oficina dadas as precarias condicións hixiénicas e de seguridade da mesma”.
Descoñecemento desta situación
Segundo explicou X. Carlos do Río, un responsábel da Dirección Xeral de Correos en Madrid comentou coa central nacionalista “o total descoñecemento que alí tiñan da situación tanto dos locais como dos traballadores de Correos en Pontedeume antes das denuncias na Inspección como nos medios de comunicación”. Dito responsábel culpabilizou da situación á dirección en Galiza.
“A situación da oficina de Pontedeume tan só é a punta do iceberg na que se atopan moitos locais de Correos tanto na comarca como na provincia, polo que a CIG proseguirá cunha batería de denuncias mentres non se nos chame a negociar un plano integral de actuacións en materia de seguridade e saúde”, apuntou o delegado de prevención.
Así mesmo, dende a CIG-Correos na comarca de Ferrol esixiuse o “cese fulminante” dos Directivos de Correos responsábeis desta situación.
Proseguen “as chapuzas”
Dende a CIG-Correos na comarca tamén denunciaron que as obras que se están a levar a cabo na actual Oficina co obxecto de facela “habitábel” mentres non se efectúa o cambio de local, tiveron que ser paralizadas por mor dunha denuncia dos veciños. Segundo sinalan, as obras non foron debidamente autorizadas e o funcionamento do aire acondicionado no interior da oficina malos cheiros e ruídos “insoportábeis” nos interiores das vivendas particulares do edificio no que se atopa situada.
”Esta caótica situación é outro exemplo da ineptitude e mala fe das actuais direccións tanto provincial como zonal, que primeiro mentiron no relativo á situación hixiénica do local, logo falsearon os datos do plano de evacuación e agora acometen unhas obras sen permiso e dun xeito que está a prexudicar a toda a comunidade de veciños”, lamenta Do Río.
Novas relacionadas